O incendio forestal de Montitxelco queima máis de dúas mil hectáreas e obriga a desaloxar 850 veciños
O vento segue impulsando o avance das lapas nunha zona que hai once anos xa sufriu outro devastador incendio
O incendio forestal declarado na tarde deste xoves no concello valenciano de Montitxelvo continúa activo e queimou xa máis de dúas mil hectáreas, segundo os últimos datos facilitados polas autoridades. Durante a noite o lume propagouse con rapidez, impulsado polo forte vento que soprou na zona, con refachos que superaron os cen quilómetros por hora.
“O que pasa é que era tanto vento e tan forte que ás catro da noite isto era un inferno. Estaba xa ás portas das casas que dan ao barranco”.
A proximidade do lume obrigou a desaloxar 850 veciños de catro concellos da comarca valenciana da Safor e confinar os residentes dun quinto concello pola concentración de fume. Esta noite incorporáronse aos traballos de extinción efectivos de Unión Militar de Emerxencias e bombeiros chegados desde Castela-A Mancha e Murcia, que se suman aos 200 mobilizados pola Comunidade Valenciana.
“Prevese que ao longo do día poida haber algunha fiestra de oportunidade pola tarde, pero en principio o vento non nos vai axudar”.
Aínda que coa chegada do día perdeu algo de forza, o vento de poñente impediu despegar os medios aéreos dos que dispón a Generalitat, pero agárdase a chegada dos dous hidroavións anfibios enviados polo Ministerio de Transición Ecolóxica. Esta mesma zona xa sufriu outro devastador incendio hai once anos e estaba completamente rexenerada.