A chuvia axudou na loita contra os lumes no Carballiño, en Boborás e no Irixo
A Xunta mantén activado o nivel 2, decretado pola proximidade das lapas a varios núcleos de poboación
En Boborás aínda se viviron momentos complicados de madrugada pero a situación foi a mellor
A chuvia que caeu en moitos puntos da provincia de Ourense axudou a combater os incendios que afectan á provincia. Así nolo confirmaba pola noite o conselleiro do Medio Rural, José González.
No distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro, a Xunta decretou a situación 2 pola proximidade das lapas ás casas en aldeas dos concellos do Irixo, do Carballiño e de Boborás pero a situación mellorou moito. Sobre todo no Carballiño, onde o alcalde, Francisco José Fumega, lle dicía de madrugada á Radio Galega que o lume estaba baixo control.
A chuvia tamén axudou aos efectivos dos equipos de extinción en Boborás pero a rexedora, Ana Patricia Torres, contáballe de madrugada á Radio Galega que se traballaba arreo nunha das aldeas da parroquia de Astureses. A situación foi a mellor e non houbo que evacuar a ningún veciño.
No Irixo, o lume calcinou máis de 240 hectáreas na parroquia de San Cosmede de Cusanca. Obrigou a cortar a circulación de trens pola proximidade de varios focos ás vías.
📢 INFO:
Suspendida la circulación entre O Irixo y Lalín por varios focos de incendio próximos a la vía. Afectados trenes que circulan entre Ourense y Santiago de Compostela.
— InfoRenfe (@Inforenfe) August 10, 2022
Este incendio afectou tamén aos concellos lindeiros de Lalín e Dozón, na provincia de Pontevedra.