Publicador de contidos

Publicador de contidos

Activado o nivel 2 nos incendios de Chandrexa de Queixa e Vilardevós

Activado o nivel 2 nos incendios de Chandrexa de Queixa e Vilardevós

Están activos os incendios de Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Montederramo-Paredes (70 ha), Verín-Mourazos (15 ha) e Vilardevós-Moialde (20 ha)

Estabilizados os de Monfero-Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume (5 ha), A Estrada-Souto (20 ha) e Maceda-Castro de Escuadro (450 ha)

Están controlados o da Fonsagrada-Monteseiro (150) e Padrenda-Padrenda (40 ha)

G24.gal 11/08/2025 20:53 Última actualización 11/08/2025 22:23

Activado o nivel 2 no incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 3.000 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 46 axentes, 75 brigadas, 36 motobombas, 7 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións.

O alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, apuntou á intencionalidade do incendio. O lume orixinouse "en catro focos" diferentes, "que se situaron en liña" e rapidamente propagouse, favorecido pola calor sufocante rexistrada na provincia nos últimos días e o vento.

"No sitio en que empezou, se non é provocado, non prende", engadiu Rodríguez.

Activada a situación 2 en Moialde-Vilardevós

Está activo desde as 16:05 horas da tarde deste luns un incendio forestal no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, no que se vén de decretar a situación 2 como medida preventiva pola proximidade aos núcleos de poboación da Silva e San Paio, situados na localidade veciña de Riós. Segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas e, polo de agora mobilizáronse na súa extinción 1 técnico, 4 axentes, 6 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 6 avións.

Activo Paredes-Montederramo

Está activo desde as 04:50 horas da madrugada de hoxe un incendio forestal no concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 70 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 3 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 4 avións.

Activo Verín-Mourazos. Desactivada a situación 2.

Continúa activo o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13:15 horas de hoxe e no que xa se desactivou a Situación 2, medida preventiva que se adoptou pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 15 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 5 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 1 pala, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

Activo Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 17:30 horas de onte domingo está activo un lume no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais roza as 180 hectáreas de superficie afectada e evoluciona favorablemente. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 17 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicóptero e 4 avións.

Controlado A Fonsagrada-Monteseiro

Está controlado desde as 14:42 horas de onte domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15:30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 60 axentes, 80 brigadas, 83 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Estabilizado Monfero-Queixeiro. Afecta o Parque Natural das Fragas do Eume

Desde as 20:28 horas de onte domingo está estabilizado o incendio do concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que se iniciou ás 17:01 horas de onte e que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Estabilizado A Estrada-Souto

Esta estabilizado desde as 22:10 horas de onte o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou onte domingo ás 12:37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais roza as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 7 axentes, 16 brigadas, 16 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

A conselleira asegura que non hai perigo para a poboación

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, afirmou este luns pola noite que “ningún dos incendios” que afecta agora mesmo a Galicia “reviste perigo para a poboación” a pesar de que se decretou o nivel 2 no municipio de Riós (Ourense) por un lume no concello veciño de Vilardevós.

Desde o Centro de Coordinación de Ourense, a conselleira afirmou que están sendo “dúas semanas moi complicadas” cos incendios por “unha meteoroloxía moi adversa e unha actividade incendiaria moi alta”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade