Extinguido o incendio de Pantón tras calcinar 1.800 hectáreas
Medio Rural dá por apagado o lume once días despois do seu comezo
Mobilizáronse máis de 600 efectivos entre brigadas, axentes e técnicos ademais de 175 motobomas e 27 medios aéreos
As lapas tamén afectaron o concello veciño de Sober

A Consellería do Medio Rural deu por extinguido o incendio forestal do concello lucense de Pantón, parroquia de Pombeiro, que finalmente calcinou 1.805 hectáreas.
Segundo informou o departamento autonómico, o lume quedou extinguido ás 17.39 horas deste luns tras iniciarse o pasado 18 de setembro ás 14.16 horas.
As lapas queimaron unha superficie de 1.805 hectáreas, parte delas no concello de Sober, das cales 1.517 son arborizadas e os 288 restantes, rasas.
Para a súa extinción, a Xunta mobilizou un total de 25 técnicos, 273 axentes, 327 brigadas, 175 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.