O incendio de Avila é o máis preocupante fóra de Galicia
As lapas están próximas a unha aldea de Ávila con 350 habitantes
España é o país europeo máis afectado polos incendios forestais no que vai de ano
Ata vinte e seis avións e helicópteros, xunto con máis de catrocentos especialistas, traballan este sábado na extinción do incendio que arrasa hectáreas de monte de difícil acceso no sur de Ávila.
A Xunta de Castela e León é pesimista sobre a evolución deste incendio, xa que as altas temperaturas e os ventos previstos favorecen o avance das lapas. O lume, claramente intencionado segundo as autoridades autonómicas e locais, está próximo á localidade de Santa Cruz del Valle, cuns 350 veciños, que polo momento non foron evacuados.
O incendio de Jódar, en Xaén, está estabilizado
A situación é máis positiva noutro dos grandes incendios forestais deste sábado, o que queimou arredor de seiscentas cincuenta hectáreas de monte nos arredores de Jódar, na provincia de Xaén, sen afectar zonas habitadas. Os responsables antiincendios andaluces consideran este lume estabilizado, e din que a orixe do mesmo foi un raio.
No que vai de ano, o lume arrasou en España 230.000 hectáreas
Outros incendios forestais de menor importancia afectan esta fin de semana a montes de Madrid e Cataluña.
Segundo o Sistema Europeo de Información de Incendios Forestais, España é o país europeo con máis territorio queimado no que vai de ano, con case 230.000 hectáreas arrasadas.