Farrapada, formigas e A Morena protagonizaron o luns de Entroido
O papagaio Ravachol de Pontevedra apareceu este ano co disfrace de Inuit en defensa dos habitantes de Groenlandia
Na Ribeira Sacra, o oso de Salcedo volveu saír á rúa acompañado dos seus criados
Festa en Laza no seu día grande de Entroido, unha xornada que ademais comezou na praza da Picota con centos de persoas tirándose farrapos cheos de lama, unha das tradicións máis ancestrais deste Entroido.
Pola tarde foi a baixada da morena desde Cimadevila e nesta ocasión colleron protagonismo as formigas enfurecidas polo vinagre. Non hai que esquecer os peliqueiros que, ao ritmo das súas chocas, ábrense paso entre a multitude.
Na Ribeira Sacra, en Salcedo, no concello da A Pobra do Brollón, este luns de Entroido, saíu á rúa a súa figura máis emblemática, o Oso de Salcedo, un ritual ancestral que pecha o inverno e dá a benvida á primavera. Cuberto con peles de cordeiro, campás e máscara de coiro, percorre as rúas acompañado polos seus criados… e coa mirada posta nas súas próximas vítimas.
En Pontevedra desvelouse o disfrace do papagaio Ravachol, que xa preside todos os actos do Entroido na cidade. Sempre crítico coa actualidade este ano vestiuse de inuit en apoio a Groenlandia e en denuncia das ansias imperialistas do presidente dos EUA por facerse con este territorio.
Na súa presentación recreouse a antiga botica de don Perfecto Feijoo, propietario do papagaio que se converteu no símbolo do entroido pontevedrés nos anos setenta.