O HULA servirá 80 quilos de polbo no menú dos pacientes o día do San Froilán
O día do patrón servirán polbo e o Domingo das Mozas, un cocido completo
Aos pacientes que non poidan comer polbo tamén se lles ofrecerá algún outro menú especial
Se falamos do San Froilán seguro que o pensamento nos leva directamente ao polbo. Van irremediablemente unidos. E para que ninguén se vexa obrigado a perder esta tradición por forza maior, o día do patrón, as cociñas do hospital de Lugo van ofrecer de menú aos pacientes a súa boa ración de polbo con cachelos.
En Lugo o teñen claro. Tanto que ata o Hospital Lucus Augusti vai dar de menú aos pacientes polbo á feira o día do San Froilán, como xa veñen facendo nos últimos anos.
"Para eles é unha sorpresa. Chega a comida, levantan a tapa e ven o polbo e quedan asombrados. Co seu pimento, sal, cachelos e ben de aceite por si queren mollar co pan. Nalgunha ocasión, ao día seguinte, recibimos notas de agradecemento dos pacientes", di José Antonio Pereiro, xefe de cociña do HULA.
Un detalle que pode ser mesmo terapéutico.
Pero a cousa non para aí. Polbo o día cinco e cocido para o 12. "Vai ser un cocido completo, con lacón, cacheira, chourizos, cimos. Ou sexa: un cocido como é debido e tamén unha sopiña de cocido, que acompaña moi ben", comenta o xefe de cociña do hospital.