Publicador de contidos

Publicador de contidos

A maxistrada María Teresa Cortizas asume a presidencia da Audiencia da Coruña con demanda de máis medios

A maxistrada María Teresa Cortizas asume a presidencia da Audiencia da Coruña con demanda de máis medios

Alerta da sobrecarga de asuntos na súa toma de posesión

O presidente do TSXG, Ignacio Picatoste, destacou a traxectoria "longa, comprometida e brillante" de Cortizas

G24.gal 19/09/2025 14:04

A maxistrada María Teresa Cortizas González-Criado tomou posesión como nova presidenta da Audiencia Provincial coruñesa, nun acto na sede desta institución e con presenza de autoridades tanto do ámbito político como xurídico.

No mesmo, púxose de relevancia o feito de que sexa a primeira muller en desempeñar este cargo na Coruña, algo ao que tamén se referiu María Teresa Cortizas nunha intervención na que comprometeu "vocación" e "entrega".

Tamén apelou a construír unha Audiencia Provincial "máis eficiente, máis próxima e máis xusta". Todo isto nunha intervención na que alertou da sobrecarga de asuntos nos xulgados da Coruña e Santiago.

En particular, incidiu no "alarmante aumento de casos" na xurisdición civil e solicitou a creación dunha Sección de Violencia sobre a Muller en Santiago e Ferrol e que se garanta a dotación adecuada na da Coruña.

Ademais, propuxo dotar ás seccións civís dos partidos xudiciais da Coruña e Santiago de suficientes prazas para atender o incremento rexistrado. De feito, insistiu na necesidade de reforzar a devandita xurisdición debido ao "innegable aumento de casos", á vez que advertiu que a litixiosidade nos órganos civís é "alarmante".

Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, destacou a traxectoria "longa, comprometida e brillante" de Cortizas, á vez que afirmou que algúns dos criterios que rexerán o seu mandato serán "a defensa da independencia xudicial como garantía para a cidadanía".

"O compromiso coa transparencia como principio indispensable que reforza a confianza social, a atención prioritaria ás persoas máis vulnerables, a esixencia de medios adecuados e eficaces, e a vontade de construír unha Xustiza máis áxil e próxima, que sitúe ás persoas no centro da súa acción", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade