Chega "a paz" ás churrerías do San Froilán
Un dos dous empresarios que compiten habitualmente para instalarse no feiral pagou 72.000 euros para deixar fora o outro, pero finalmente chegaron a un pacto
Nada menos que 72.000 euros pagou o propietario da Churrería Pepe para facerse cos dous postos do feiral do San Froilán, en Lugo. Foi a resposta a derrota que sufrira hai tres anos contra o seu gran competidor, Galiano, que naquel entón pagara aínda máis: 82.000 euros.
Esta guerra fixo que pagase seis veces máis ca o prezo de saída de 6.000 euros fixado polo Concello para cada parcela. Pero o que semellaba un novo episodio de guerra deu paso a un pacto entre os dous implicados.
Finalmente ambas as dúas chegaron a acordo para repartirse os postos e poñer freo a unha competencia que lles ía ao peto, pagando moito máis do prezo de saída. Con este trato, renuncian á adxudicación e repártense os postos pagando pouco máis que o prezo de licitación. Así que as grandes prexudicadas serán as arcas municipais.
Anos de competencia
A churrería Pepe, de Lugo de toda a vida, e a pontevedresa Galiano levan anos competindo por facerse coas adxudicacións do San Froilán. No concurso o Concello fixa un prezo de saída de algo máis de 6.000 euros por cada un dos dous postos.
"Ao principio un quere unha cousa e outro quere outra e entón hai que acudir á poxa. Pero logo recapacitando os dous dixemos que isto non podía ser e chegamos a acordo e renunciamos e pagamos practicamente o prezo base", di Pepe Vázquez, da Churrería Don Pepe.
Venda quen os venda, os churros no poden faltar no San Froilán. Iso din os veciños de Lugo.
"Os churros e as castañas sempre existiron no San Froilán. O polbo é o primeiro, pero tamén os churros".
Presentes nas festas, pero sen esquecer que valen para todo o ano e para todas as horas.
"Valen para todo, pero non sei se os nutricionistas estarían moi de acordo", din.
O ano pasado a ducia de churros vendeuse a cinco euros durante o San Froilán. Xa que hai pacto comercial agardemos que o prezo polo menos se manteña.