Os campamentos para conciliar repuntan en setembro
Nos días previos á volta ao cole poucos pais seguen aínda de vacacións
Aprender mentres se xoga é unha das máximas deste tipo de actividades
Estes primeiros días de setembro son datas especialmente complicadas para conciliar. Os cativos non empezan as clases ata o luns 8, pero a inmensa maioría dos pais xa esgotou as vacacións. Por iso a demanda de prazas nos últimos campamentos de verán non decae.
"Porque os meus pais traballan todo o verán", conta unha nena. "Porque os meus pais traballan... e divírtome", engade outra.
A finalidade dos campamentos está tan clara como a razón pola que as dúas pasan estes días no parque do Monticaño, en Arteixo. Son estas xornadas en que repunta a demanda de plans para poder conciliar.
"Normalmente, aínda que a xente conte con apoio familiar creo que traer os nenos a un campamento é un xeito de que no verán saian un pouco das rutinas que teñen todo o ano e estean máis tempo ao aire libre", explica Sandra Armas, de Fantasía Animación.
A parte lúdica do campamento adoita ter un contrapeso educativo. A de aprender xogando é unha táctica moi eficaz. Neste caso aos nenos tócalles mollarse...
"Para poñer en valor un pouco o toma da auga, un consumo responsable, un consumo responsable, a pesca, a fontanería...", conta Sandra Armas. "Para que os nenos se conciencien e non sexa todo estar detrás dunha pantalla como adoita suceder nestas idades", engade Hugo González, un dos monitores.
E xa co regreso ás aulas tan próximo, todos queren algún recordo do que poder presumir cos amigos.
"Claro, porque para a semana empezan o colexio, así que levan unhas macetas porque así llelas poden asinar despois aos seus compañeiros", apunta Hugo.
E, se cadra, nesas xardineiras vai tamén a semente dun campamento compartido con eses amigos... o próximo verán.