Identificados todos os falecidos no accidente do funicular de Lisboa
Son 16 persoas de oito nacionalidades diferentes, sobre todo de Portugal, Gran Bretaña e O Canadá
Entre os 23 feridos hai dous cidadáns españois que xa foron dados de alta
Os 16 falecidos no accidente do mércores no funicular de Glória en Lisboa foron xa identificados polas autoridades de Portugal e son de oito nacionalidades diferentes. Segundo a Policía Xudicial, son cinco portugueses, tres británicos, dous canadenses, dous surcoreanos, un francés, un estadounidense, un suízo e un ucraíno.
Os 23 feridos, entre os que hai 10 graves, son de diversas nacionalidades, entre eles dous españois que foron dados de alta a noite do mércores.
As causas do accidente non están claras, pero todo apunta a un fallo do cable de arrastre ou do punto de ancoraxe do cable aos vagóns.
“Aquilo colle unha velocidade enorme. Xa ve aquela elevación, desde arriba hai uns 200 metros. Sen desbloqueo por aí abaixo colle unha velocidade tola”.
O funicular, coñecido como Ascensor de Glória (Elevador de Glória) descarrilou sobre a 18:00 hora local (17:00 hora GMT) do mércores por motivos que se están aínda investigando.
Retiran os restos do aparello do lugar do accidente
Dous días despois do descarrilamento do funicular lisboeta de Glória, xa non quedan restos no lugar do accidente. Traballadores municipais retiraron durante a noite os dous vagóns sinistrados.
No que iniciaba a subida da costa viaxaba Abel Esteves, un pensionista portugués que di que non volvera utilizar o funicular. “Non, non o volverei usar. Dure os anos que dure, e probablemente non viva moito máis, pero mentres dure, non volverei viaxar nel”.
Onte, a policía terminou de recompilar probas sobre o terreo e nas últimas horas o funicular foi retirado completamente do lugar, onde unha das súas cabinas quedara totalmente esnaquizada ao descarrilar nunha curva.
O Ascensor de Glória é unha das atraccións turísticas do centro de Lisboa e conecta a praza de Restauradores co Bairro Alto e o miradoiro de São Pedro de Alcântara. Inaugurado a finais do século XIX, é un dos máis visitados da capital. Transporta anualmente uns tres millóns de persoas.