O Grupo Oncomet de Santiago, premiado polas súas investigacións sobre a metástase
O Grupo Oncomet de Santiago, premiado polas súas investigacións sobre a metástase
Unha investigación traslacional, a que está entre a clínica e o laboratorio, os proxectos que estudan as metástases teñen como obxectivo previlas e controlalas
O Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Complexo Hospitalario de Santiago, acaba de ser recoñecido co premio ECO á excelencia da oncoloxía.
O galardón valora as investigacións de Oncomet para combater a metástase, responsable do noventa por cento dos falecementos por cancro.
Cunha investigación traslacional, a que está entre a clínica e o laboratorio, os proxectos que estudan as metástases teñen como obxectivo previlas e controlalas.
Analizan, por exemplo, o que chaman DNA, os xenes na biopsia líquida para ver como se comportan. Noutro proxecto secuencian o tumor do endometrio para coñecer a sensibilidade á quimioterapia e aos novos fármacos. Ou buscan estratexias que alerten da diseminación do tumor.
O Director do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do CHUS, Rafael López engade que "estudamos tamén as células tumorais circulantes, que son realmente as causantes das metástases. Máis que soas, que é como se estudaban ata agora, estamos estudando as que van en grupo. En comandos, por dicilo dalgún xeito, que son as que saen do tumor primario e prenden noutros sitios para crecer e facer todo o dano"
Oncomet aposta pola oncoloxía de precisión, que avanza nos tratamentos individualizados. Algo que semellaba insólito cando comezaron hai case 20 anos cos primeiros proxectos para intentar entender a metástase. Agora xa profundan nela.
Rafael López explica que avanzan en saber "se vai ter moito risco de que volva ese cancro a estar, o que significa que hai metástase, o que nós chamamos micrometástase, que ata agora non somos capaces de ver. Ou como se comportan esas pequenas metástases que son invisibles a día de hoxe para nós. Se vai crecer moi rápido ou tarde. Todo ese proceso estamos empezando a entendelo"
O reto da comunidade científica é poder superar o 70 % do control do cancro en 2030. O director de Oncomet di que para logralo é fundamental apostar pola investigación, polo seu financiamento e que a sociedade se involucre.