Publicador de contidos

Publicador de contidos

As universidades galegas ratifican o documento para descentralizar Medicina en tres anos

As universidades galegas ratifican o documento para descentralizar Medicina en tres anos

A descentralización de Medicina empezará por 5º nos dous próximos cursos e completarase con 4º no curso 28-29

Seguirase impartindo na Universidade de Santiago de Compostela, de modo que non haberá facultades nos outros campus

José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades; Antonio López, reitor da USC; Manuel Reigosa, reitor da Uvigo; Ricardo Cao, reitor da UDC; Carmen Balboa, vicexerente do Sergas.- EUROPA PRESS
G24.gal 17/11/2025 19:46

O grupo de traballo creado para estudar a descentralización do Grao de Medicina en Galicia aprobou este luns o documento en Vigo, que agora será trasladado ao Consello de Docencia Clínica coa previsión de que o seu contido se dea a coñecer este martes.

Así o anunciou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto aos da Coruña, Ricardo Cao, e Santiago de Compostela, Antonio López.

O acordo final alcanzouse o pasado venres entre as universidades e a Xunta, e os reitores reuníronse de maneira telemática a fin de semana para acabar de perfilalo.

Unha vez pase polo Consello de Docencia Clínica, os consellos de goberno de cada unha das tres universidades terán que darlle o visto e prace.

O Grao de Medicina seguirase impartindo na Universidade de Santiago de Compostela, de modo que non haberá facultades nos outros campus, e a fórmula elixida é a da docencia descentralizada.

A mencionada descentralización afecta a cuarto, quinto e sexto curso da carreira de Medicina e establece facelo de forma progresiva desde o próximo curso.

Así, no curso 2026-27 descentralizarase a parte práctica de quinto, no 2027-28, a teórica dese curso e no 2028-29, a práctica e teoría de cuarto. 

Tal e como xa se avanzara, o acordo supoñerá a creación de dúas novas unidades docentes, co seu epicentro nos complexos hospitalarios da Coruña (CHUAC) e Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro), e a redistribución de alumnos levará 100 estudantes ao complexo herculino, outros 100 ao vigués e os 200 restantes estarán en Santiago.

Así mesmo, establécese a creación dunha comisión de seguimento, que será a encargada de traballar no desenvolvemento e implantación do acordo nos próximos cursos. Entre outros labores, a comisión deberá preparar a docencia e planificación das necesidades de profesorado (hai unha estimación de 40 prazas adicionais entre as dúas unidades docentes novas).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar