Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno propón que a pensión se poida calcular con 25 anos cotizados ou con 29

O Goberno propón que a pensión se poida calcular con 25 anos cotizados ou con 29

Os pensionistas poderán escoller ambos os períodos e quitar os dous anos de peor cotización

Tamén recolle unha suba das bases máximas de cotización e unha recarga para os soldos máis altos que pagará a empresa

G24.gal 10/03/2023 09:29 Última actualización 10/03/2023 14:58

A reforma de pensións que pechou o ministro de Inclusión José Luis Escrivá coa Comisión Europea e co visto e prace dos seus socios de Unidas Podemos permitirá aos pensionistas elixiren entre o período de cómputo actual de 25 anos ou amplialo a 29 anos, podendo quitar os dous de peor cotización.

A Seguridade Social ofrecerá aos pensionistas ambas as posibilidades, aínda que aplicará a que resulte máis vantaxosa para o traballador. 

O novo sistema implantarase de maneira gradual. O obxectivo é que aqueles traballadores que sexan despedidos na parte final da súa vida laboral non vexan minguada a súa pensión ao recibiren menos ingresos nos seus últimos anos en activo.

O principal obxectivo é aumentar ingresos para afrontar o reto do envellecemento. E nesa liña vai outra das novidades. Implantarase un gravame extra para as rendas altas que pagarían as empresas e tamén subirán as bases máximas de cotización para que pague todo o salario.

Este último bloque da reforma de pensións conta co aval de Bruxelas e de Unidas Podemos e forma parte dos fitos comprometidos con España para o desembolso do cuarto pago dos Fondos Next Generation.

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, felicitouse polo acordo porque di que que "reforza as pensións máis baixas que lle afectan especialmente ás mulleres". 

O PP agardará a letra pequena para decidir se a apoia. "Dános moito medo que o plan de Escrivá sirva para asegurar as pensións de hoxe a cambio de castigar aos que agora temos entre 40 e 60 anos", di o vicesecretario de Política Institucional do partido, Estaban González Pons. 

O presidente do Goberno "confía en chegar a un consenso cos axentes sociais para impulsar unha reforma que lle dará seguridade e estabilidade aos maiores e as súas xubilacións".

Os sindicatos CC. OO. e UXT valoraron este venres, antes da reunión co Ministerio de Inclusión, a reforma, pero prefiren agardar a coñecer a letra pequena. A patronal amosou xa a súa "oposición frontal". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade