O Goberno pretende que cada ano se constrúan en España 15.000 vivendas industrializadas
O Estado anuncia 1.300 millóns de euros en préstamos para que máis empresas se sumen a este sistema de edificación
A prefabricación por módulos pode acurtar ata a metade o tempo necesario para ter lista unha nova casa
Máis rápido, máis casas. O Goberno central lanza o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Construción Industrializada. O Estado pretende que cada ano se levanten quince mil vivendas prefabricadas como unha das solucións para atallar o problema do acceso á vivenda. Falamos de casas, pero tamén edificios, que se montan por pezas.
"Isto é como un Lego", explica Alejandro Bacelos, de Enpezas, unha empresa do Porriño que constrúe vivendas por pezas e por módulos, "son elementos que se van montando e ensamblando para ir formando paquetes".
O traballo empeza nas mesas de deseño e, logo, en naves industriais onde se van elaborando os compoñentes. Todo medido ao milímetro. Para facer casas e, si, tamén edificios de varias vivendas.
"A vantaxe é que non tes que agardar a que a cimentación estea rematada para montar a parte estrutural senón que ao mesmo tempo que se vai facendo a cimentación na parcela vaise facendo a construción da estrutura directamente na fábrica", resume Bacelos, o cofundador de Enpezas.
"En función do nivel de prefabricación pode haber reducións dun dez, dun vinte ou dun cincuenta por cento" nos prazos, asegura Daniel Hermosilla, o conselleiro delegado do Grupo Rodiñas, a empresa punteira no sector da prefabricación con formigón que ten sede en Teo.
É un sistema máis veloz e máis sostible ca a construción tradicional, pero require grandes investimentos nas empresas. Para iso, o plan do Goberno é mobilizar mil trescentos millóns de euros en préstamos para que máis compañías se pasen a este modelo.
"Eu creo que Galicia ten unha situación privilexiada. Ten en todas as ramas industriais que conflúen na construción empresas líderes cada unha no seu sector", aventura Hermosilla dende o despacho do Grupo Rodiñas.
En Europa hai países onde a metade das vivendas se constrúen con sistemas industrializados. O PERTE do Goberno concederá axudas a proxectos nos que, cando menos, o cincuenta por cento do traballo proveña de procesos de prefabricación. A outra condición é que deben ser vivendas accesibles, pero os prezos máximos aínda non están definidos.