O Goberno ordena á policía intensificar a protección das vítimas tras a repunta dos crimes machistas
O Goberno ordena á policía intensificar a protección das vítimas tras a repunta dos crimes machistas
O ministro do Interior recoñece a "frustración" polo incremento dos asasinatos de mulleres
Decembro estase a converter nun mes negro de violencia machista
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ordenou ás forzas de seguridade unha intensificación das medidas de protección ás vítimas de violencia machista. Ademais, tamén estableceu que nas valoracións de risco policiais primen as actuacións "máis favorables" para as mulleres e os seus fillos.
O ministro do Interior compareceu de forma urxente tras os últimos asasinatos machistas. Marlaska mostrou unha "profunda frustración" pola "proliferación inusual e terrible" de crimes nestes días. Non obstante, dixo que "non responden a ningún patrón temporal nin doutro tipo".
Só neste mes de decembro dez mulleres morreron presuntamente a mans das súas parellas ou exparellas, tres delas asasinadas desde Noiteboa, e outras dúas mulleres permanecen ingresadas tras ser agredidas polas súas parellas en Calahorra (A Rioxa) e Granada.
A elas súmanse o asasinato este mércores dunha moza de 20 anos apuñalada pola exparella da súa nai en Madrid e o dunha muller embarazada que foi asasinada pola súa exparella en Toledo.
Amais destes hai outro caso en análise polo asasinato doutra muller nunha vila de Soria, polo que foi detido un veciño, e que se investiga a relación entre eles por se puidese ser outro caso de violencia machista.
Outro caso que se está a investigar como posible violencia machista é a morte dunha moza de 22 anos que caeu esta pasada madrugada desde un sexto piso en Benidorm. A súa parella, un mozo tamén de 22 anos, foi detido; no momento da traxedia tamén estaba na vivenda.
723 mulleres están en risco alto ou extremo
Un total de 31.161 mulleres están dentro do Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero (VioGén) por malos tratos, das que 17 delas son de risco extremo e 706 de risco alto, con medidas de protección reforzadas, explicou Grande-Marlaska.
Das mulleres asasinadas neste mes de decembro, cinco delas estaban recollidas no sistema VioGén.

O Ministerio de Igualdade convocou este mércores o comité de crise, que reúne os departamentos de Interior e Xustiza, as comunidades autónomas en que se rexistraron os últimos asasinatos machistas e as Unidades de Violencia correspondentes para analizar esta repunta de crimes.
Tras a reunión, o departamento que dirixe Irene Montero pediu unha revisión do Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero, que depende de Interior, para que conteña maior información sobre medidas xudiciais e lembrou que na metade dos casos rexistrados estas últimas semanas as vítimas presentaran denuncia.
Marlaska defendeu que Interior fai revisións constantes do sistema VioGén, pero recoñeceu que é necesario seguir traballando para melloralo. "Unha muller asasinada xa é algo intolerable", aseverou o ministro.
Ultímase como alertar a mulleres que viven con agresores machistas
O Ministerio do Interior ultima a fórmula para alertar do risco que sofren a mulleres que conviven con homes con antecedentes por violencia machista, considerados "agresores persistentes", co obxectivo de poñer o foco nestes homes e evitar novos asasinatos.
Unha medida que estuda coa Fiscalía Xeral do Estado desde hai meses e que Interior quere ter lista canto antes. De feito, xa conta cunhas directrices emitidas polo Ministerio Fiscal para articular o encaixe legal e non vulnerar os dereitos fundamentais dos agresores.