Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno bonificará os propietarios que non suban o prezo dos alugueiros

O Goberno bonificará os propietarios que non suban o prezo dos alugueiros

O presidente do Goberno anuncia a aprobación dun decreto con medidas urxentes sobre vivenda que tamén promoverá a limitación dos alugueiros por cuartos e de tempada

Sumar non apoiará os incentivos fiscais aos propietarios

EFE 12/01/2026 12:17 Última actualización 12/01/2026 15:10

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que nas próximas semanas aprobará un decreto lei con tres medidas urxentes que recollen incentivos para os propietarios que non suban o prezo aos seus inquilinos, así como iniciativas para frear o abuso nos contratos de tempada e de cuartos.

Para aqueles propietarios que renoven os seus contratos sen subir o prezo aos seus inquilinos váiselles dar unha bonificación fiscal do 100 % no imposto da renda das persoas físicas (IRPF,) que compensará o que gañarían se incrementasen ese alugueiro, segundo avanzou Sánchez no acto da demolición dos primeiros edificios do acuartelamento de Campamento, en Madrid.

Con esta medida, engadiu, gañan todos, os propietarios, os inquilinos e a sociedade, xa que en 2026 centos de contratos de alugueiro terán que renovarse e unha parte importante da poboación, sobre todo novas, enfróntase a subidas "desproporcionadas" que responden á "cobiza e a especulación" e vese obrigada a deixar as súas casas e empezar de cero outra vez.

Así mesmo, engadiu que moitos cidadáns que buscan un piso de alugueiro só atopan cuartos, que están a prezos "inasumibles", o que está a impedir a miles de persoas ter un fogar con estabilidade, seguridade e preditibilidade.

Por iso, limitaranse os contratos de alugueiro de tempada para poñer fin ao uso fraudulento e fixaranse condicións estritas e un réxime sancionador a aqueles que incumpran a regulación estatal de alugueiros de corta duración.

O Executivo tamén quere poñer freo ao abuso do alugueiro de cuartos de forma que a renda total dos cuartos non poderá superar o prezo do contrato da vivenda completa, e en zonas tensionadas aplicaranse os mecanismos de control que recolle a Lei de vivenda. 

O presidente do Goberno insistiu en seguir intervindo o mercado do alugueiro con medidas "urxentes e contundentes", en beneficio dos 3 millóns de fogares que viven en alugueiro en España.

A modo de exemplo, indicou que en Cádiz, Barcelona ou San Sebastián, 8 de cada 10 anuncios nas plataformas son de pisos por tempada, e que en Madrid se triplicaron desde o ano 2023.

"Estamos a falar dunha fraude e unha inxustiza", insistiu Sánchez, que reiterou que ante a negativa dalgunhas comunidades autónomas a aplicar os instrumentos que recolle a Lei de Vivenda o Executivo ten a obrigación de actuar fronte a este abuso.

Neste sentido, recalcou que o Goberno vai dar "a batalla" ata que a vivenda sexa un dereito garantido e o quinto piar do Estado de Benestar.

Sumar non apoiará os incentivos fiscais 

O socio do PSOE na coalición de Goberno, Sumar, soubo destas medidas pola prensa e a reacción non se fixo agardar. Non van apoiar o decreto: "regalar diñeiro público aos rendatarios é un grave erro", publicou Yolanda Díaz nas súas redes sociais.

Para Lara Hernández, coordinadora xeral de Sumar "dar regalos fiscais ao caseiros e aos rendatarios" é unha "fórmula equivocada".

O mesmo opinan en Podemos. "Isto é para que ardan as rúas", escribiu a súa líder, Ione Belarra, en internet.

O líder do PP, pola súa parte, tamén centrou este luns o seu discurso na vivenda. Presentou en Barcelona un plan con quince puntos, entre eles, vincular o financiamento de comunidades e concellos á construción de inmobles.

Segundo Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP, "Sánchez condiciona o financiamento ao seu benestar persoal na Moncloa, eu comprométome a vinculalo ao incremento do número de vivendas que se fagan nos concellos e nas comunidades autónomas".

O líder popular ponse un obxectivo se chega ao Goberno: construír un millón de vivendas na próxima lexislatura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade