Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno tardará de tres a seis meses en investigar as causas do apagamento eléctrico

O Goberno tardará de tres a seis meses en investigar as causas do apagamento eléctrico

Continúa aberta a hipótese dun ciberataque, malia que non hai novos datos

O Executivo asegura que está a empregar todos os recursos do Estado para esclarecer os feitos

Tanto PP como PSOE piden unha comisión de investigación no Congreso sobre a apagada

Imaxe de arquivo
G24.gal 06/05/2025 18:48 Última actualización 06/05/2025 20:22

O Goberno calcula que a investigación sobre o apagamento masivo que deixou sen subministración eléctrica a Península Ibérica o pasado 28 de abril durará entre tres e seis meses.

O proceso está a ser coordinado pola vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, con participación de membros de Presidencia, Interior, Defensa e Transformación Dixital.

Esta estimación temporal coincide coa marxe que se deu a si mesma a Comisión Europea para elaborar o seu propio informe, no que incluirá recomendacións para España.

Porén, Bruxelas foi máis esixente co Executivo de Pedro Sánchez e pediulle que presente conclusións no prazo de tres meses. 

O ciberataque segue sobre a mesa

Unha semana despois do incidente, o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, asegurou que a hipótese dun ciberataque continúa aberta, aínda que recoñeceu que non hai información nova que a sustente.

Fíxoo na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, na que anunciou un investimento de 1.500 millóns de euros en ciberseguridade e ciberdefensa.

“A resposta é non”, contestou ao ser preguntado se o Goberno xa descartara esa posibilidade.

Subliñou que o Executivo só comparte información contrastada, como corresponde a un goberno “serio e responsable”, e que “non se descartou ningunha liña”.

A comisión de investigación segue a traballar e irá informando “puntualmente”, segundo indicou.

Críticas á oposición e recursos mobilizados

López aproveitou a súa intervención para criticar o Partido Popular e a súa xestión de crises anteriores, acusándoo de “alimentar falsidades” antes de actuar.

En contraposición, asegurou que o actual Goberno “xestionou a crise” desde o primeiro momento e ofrece información verificada á cidadanía.

Ademais, indicou que seleccionaron “os mellores homes e mulleres” en ciberseguridade do CNI, do Centro Criptolóxico Nacional e do Incibe, e que están a empregar “todos os recursos do Estado” para coñecer a verdade.

Con todo, admitiu que polo momento non se produciu ningún avance relevante na investigación.

A vicepresidenta terceira, Sara Aagesen, tamén sinalou que se detectou outro incidente 19 segundos antes do apagamento, situado no sur de España, aínda que non se concretaron máis detalles ao respecto.

Debate tamén no Senado

 "Tiñan aviso de sobretensión na rede, pero dicían que non ía pasar. Din que non saben as causas, pero que detrás de todo están as enerxéticas. Non saben a orixe da apagada, pero si saben que non se vai repetir", reprochou ao Goberno Miguel Ángel Castellón, do Partido Popular.
 "Que fai vostede aínda no cargo? Por que non se vai a señora Corredor?" preguntou Ángel Gordillo, de Vox.

Sara Aagesen, vicepresidenta terceira do Goberno, contestoulles que  "é irresponsable pedir dimisións cando aínda non se saben as causas do que pasou".

A vicepresidenta terceira defendeu no Senado a actuación do Goberno, ante as críticas de varios partidos da oposición.

 "Deixaron os concellos sós, desamparados, sen saber que facer. Esto reforza a nosa idea de que Cataluña necesita soberanía, tamén soberanía eléctrica", engadíu Sara Bailac de ERC.

Sara Aagesen respondeu a esta crítica que "o Goberno actuou con dilixencia e celeridade, sobre todo para restablecer o servizo".

Aagesen volveu insistir en que a día de hoxe non se descarta ningunha hipótese, incluída a dun ciberataque.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade