O Goberno habilitará un novo desvío da A6 por Doncos e porá tres quitaneves novas en Pedrafita
As medidas tómanse a petición dos transportistas, preocupados porque a chegada da neve interrompa o tráfico coa Meseta
O Goberno habilitará un novo desvío para facilitar o tráfico entre Galicia e a Meseta dificultado dende o derrubamento do viaduto da A6.
Este novo desvío estará en Doncos, na saída 438. Súmase aos outros dous que xa funcionan nas saídas 432 e 432. Deste xeito establécense tres vías de circulación cara ao resto de España.
No caso de peche por neve ou xeo, os transportistas poderán agardar nos espazos habilitados ata que a estrada estea despexada ou continuar o seu itinerario pola N-120.
A medida responde a unha petición dos transportistas, que esta tarde se reuniron co secretario xeral de Infraestruturas e a subdelegada do Goberno en Lugo.
O executivo reforzará ademais o dispositivo contra as adversidades meteorolóxicas na zona. Pedrafita contará con tres novas quitaneves, que permitirán un traballo continuo e evitarán o peche da travesía polo municipio.