Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno cre que os prezos "tocaron teito" e descarta novas medidas polo momento

O Goberno cre que os prezos "tocaron teito" e descarta novas medidas polo momento

O Executivo pídelle ao sector agroalimentario que traslade a rebaixa de custos e recibe "boa disposición"

Luis Planas pide paciencia porque o problema non se "resolverá en 24 horas"

O ministro de Agricultura reuniuse hoxe co sector agroalimentario
G24.gal 20/02/2023 14:32 Última actualización 20/02/2023 19:57

Cos alimentos un 15% máis caros que hai un ano, o Goberno reuniuse con produtores e vendedores para intentar convencelos de que baixen os prezos. Luís Planas cre que os datos dos mercados internacionais reflicten un cambio de tendencia nos custos que están na raíz do encarecemento e que, segundo o ministro, xa tocaron teito.

 "Hai razóns obxectivas para que os alimentos baixen de prezo e se produza un cambio de tendencia. Se estes custos de produción evolucionan cara a unha contía menor, pedimos que se trasladen así", dixo Luís Planas Ministro de Agricultura, Gandería e Alimentación.

A xuntanza mereceu as críticas dos socios de Goberno do PSOE, que ve a avaricia dos supermercados como principal causa da suba dos prezos.

"O Partido Socialista ten que entender que non se pode pedir por favor aos saqueados e aos especuladores, aos representantes do capitalismo salvaxe, deses grandes supermercados, que deixen de gañar tanto diñeiro ou que se lucren un pouco menos", opina Pablo Fernández Voceiro de Podemos.

O sector deféndese: atribúen a suba ao incremento da enerxía, dos fertilizantes, dos carburantes e das materias primas, e negan a tese de Podemos.

"Estamos ante un problema de custos, non de marxes, e afecta a toda a cadea, non só á distribución", explica Ignacio García Director xeral de ASEGAS. 

"Ademais, este incremento de custos estase facendo un esforzo por parte da cadea para absorber parte deles, non se está trasladando o cen por cento dos custos ao consumidor", dixo Mauricio García de Quevedo Director xeral da Federación de Industrias Alimentarias e de Bebidas.

A parte socialista do Goberno desbota a proposta de Unidas Podemos de subvencionar descontos directos sobre certos produtos, pero tamén, de momento, a alternativa en que insiste o Partido Popular.

"E seguimos sen entender por que se resisten a aplicar unha baixada do IVE á carne, ao peixe e as conservas", di Cuca Gamarra Secretaria xeral do PP.

Planas explicou que as baixadas do IVE en vigor se tomaron pensando nos produtos de máis consumo e que máis subiran de prezo, e pediu máis tempo para comprobar os seus efectos na cesta da compra. 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade