Zelenski celebra a posible presenza de Trump en Turquía e confirma que espera a Putin
Istambul acollerá o posible encontro entre Zelenski e Putin este xoves

O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, declarou que celebraría a presenza do presidente de EUA, Donald Trump, na reunión que lle propuxo ao seu homólogo ruso, Vladímir Putin, en Turquía este xoves, e confirmou que espera que este acuda á cita a pesar de que non declarou o cesamento do fogo dun mes que se lle pedía.
"Apoiei o presidente Trump coa idea de conversacións directas con Putin. Expresei de forma aberta a miña dispoñibilidade a que nos reunamos. Estarei en Turquía. Espero que os rusos non eludan a reunión", escribiu Zelenski en X.
“Por suposto que todos en Ucraína apreciariamos que o presidente Trump puidese estar alí connosco nesa reunión en Turquía. É a idea correcta. Podemos cambiar moitas cousas. O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, pode ser o anfitrión desa reunión ao máis alto nivel”, agregou o presidente ucraíno.
Zelenski tamén lembrou que Ucraína segue apostando pola idea inicial de Trump de que se declare un cesamento do fogo que permita dar un impulso ás negociacións.
O presidente ucraíno retou o domingo a Putin a un cara a cara en Istambul o xoves. O xefe do Kremlin propuxera previamente empezar o xoves nese país os contactos directos entre ambos os bandos sen necesidade de declarar antes un cesamento do fogo como piden Ucraína e os seus principais socios europeos.