Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel ve "inaceptables" os cambios na tregua pedidos por Hamás e di seguir negociando

Israel ve "inaceptables" os cambios na tregua pedidos por Hamás e di seguir negociando

Netanyahu ten previsto visitar a Casa Branca a próxima semana e reunirse alí con Trump, e espérasees que poida anunciarse o cesamento do fogo

A proposta incluiría garantías para que ningunha das partes volva á loita mentres continúen as negociacións

Poboación con axuda nun punto de distribución en Rafah. REUTERS/Hatem Khaled Poboación con axuda nun punto de distribución en Rafah. REUTERS/Hatem Khaled
G24.gal 06/07/2025 08:26

O Goberno israelí de Benjamín Netanyahu afirmou que os cambios pedidos por Hamás para introducir na última proposta de cesamento do fogo en Gaza son "inaceptables para Israel", aínda que enviará este domingo un equipo negociador a Qatar co propósito de continuar coas conversas para un posible acordo.

Nun comunicado enviado pola oficina de Netanyahu afírmase que os cambios "inaceptables" propostos por Hamás -que non detalla- foron entregados a Israel o venres pola noite e que, tras avaliar a situación, o primeiro ministro instruíu o equipo negociador a continuar coas conversas. Ditas conversas, di a concisa nota, terán como base a proposta qatarí de tregua "aceptada por Israel".

Esta é a primeira vez que o Goberno de Netanyahu se pronuncia oficialmente sobre as negociacións da tregua, despois de que o presidente estadounidense, Donald Trump, afirmara o martes que Israel aceptara unha proposta de cesamento do fogo en Gaza de 60 días e expresara a súa esperanza de que Hamás tamén accedese ao acordo.

Este venres á noite, Hamás dixo que dera unha resposta "positiva" aos mediadores sobre dita proposta de tregua e que estaba preparado para negociar "inmediatamente" a súa implementación, segundo un comunicado oficial.

Medios israelís, citando fontes de Hamás, afirmaron que os islamitas solicitaran algúns cambios ao texto da proposta, entre eles eliminar o mecanismo de distribución de axuda humanitaria que xestiona a polémica Fundación Humanitaria para Gaza (GHF, estadounidense) e que a ONU volva ser a encargada de repartir a subministración.

Netanyahu ten previsto visitar a Casa Branca a próxima semana e reunirse alí con Trump, cando se espera que se poida anunciar o cesamento do fogo.

Segundo informaron a EFE fontes do grupo islamita, a proposta incluiría garantías para que ningunha das partes volva á loita mentres continúen as negociacións, que comezarían durante unha tregua inicial de 60 días co obxectivo dun "cesamento do fogo permanente e unha retirada completa e gradual de Gaza".

A grandes liñas, a proposta inclúe unha tregua de 60 días, durante a cal Hamás liberaría a metade dos reféns israelís que aínda seguen vivos na Franxa (unha decena), así como os corpos duns 30 reféns, a cambio da liberación de varios prisioneiros palestinos en mans de Israel.

Desde o inicio da guerra, máis de 57.300 gazatís morreron e máis de 132.000 resultaron feridos por ataques israelís, segundo o reconto do Ministerio de Sanidade do Goberno de Hamás en Gaza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade