O Goberno autoriza a construción da intermodal de Lugo por 21,6 millóns
A nova infraestrutura ten un prazo de execución de 16 meses
O Consello de Ministros autorizou, na súa reunión deste mércores, ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través do Adif, a construción da nova estación intermodal de Lugo, por un importe de 21,6 millóns de euros (IVE non incluído) e cun prazo de 16 meses.
As obras previstas neste contrato comprenden o novo edificio de viaxeiros, un novo paso baixo vías -que conectará os barrios de Paradai e Sagrado Corazón-, a adecuación de plataformas e construción de marquesiñas, así como a demolición do edificio de Correos anexo á actual estación de ferrocarril e a urbanización da contorna urbana.
A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado o 17 de marzo por parte do Mitma, a través de Adif, coa Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo e a súa contorna urbana.
O novo edificio de viaxeiros integrarase na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e autobús. A execución dos traballos de construción será compatible coa explotación ferroviaria, segundo informou o propio Ministerio nun comunicado.
Tamén se construirá un novo paso baixo vías de 20 metros de ancho, 8 deles destinados á comunicación entre plataformas, exclusiva para os usuarios do ferrocarril, e os 12 restantes ao paso urbano peonil, o que permitirá “a conexión transversal, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón”.
O Adif tamén executará a urbanización do exterior da estación e a conexión do paso inferior coa contorna na zona de Praza Conde Fontao-Rúa Alta e Parque do Sacro Corazón, “actuando con criterios de sustentabilidade ambiental”.
Pola súa banda, a Xunta executará, de maneira conxunta á estación de autobuses, un novo aparcamento subterráneo -proxectado polo Adif-, que duplicará o número de prazas actuais.