Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba 703 millóns para construír un novo buque de aprovisionamento en Navantia Ferrol

O Goberno aproba 703 millóns para construír un novo buque de aprovisionamento en Navantia Ferrol

A ministra de Defensa, Margarita Robles, afirmou que esperan lanzar a orde de execución do novo buque no mes de xuño

Navantia Ferrol/Foto de arquivo/Europa Press Navantia Ferrol/Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 16/05/2025 17:59

O Consello de ministros do 13 de maio aprobou un acordo para modificar os límites de gasto futuro, permitindo ao Ministerio de Defensa financiar un novo programa especial de modernización co que se construirá en Navantia Ferrol un buque de aprovisionamento e combate (BAC).

Esta iniciativa, incluída no Plan Industrial e Tecnolóxico da Seguridade e a Defensa, conta cun orzamento total de 703 millóns de euros.

O obxectivo principal do programa é o deseño e adquisición dunha nova embarcación que cumpra cos Obxectivos de capacidades militares do ciclo 2024-2029, establecendo a necesidade de contar con dúas unidades operativas do tipo buque de aprovisionamento e combate para asegurar o apoio loxístico operativo da forza naval.

A Armada conta con dous destes buques, ambos con base en Ferrol, e que se encargar de dar apoio ás fragatas F-100, as máis modernas: o A-14 Patiño (entregado en 1995) e o A-15 Cantabria (entregado en 2010).

O Patiño, con 30 anos de servizo, atópase no seu último terzo de vida útil, polo que o novo BAC II ten como obxectivo substituír a este buque por unha embarcación que incorpore os últimos avances tecnolóxicos e sistemas máis actualizados.

Estaleiro de Ferrol

Este buque será construído pola empresa naval pública Navantia no estaleiro de Ferrol, e está previsto que a súa entrega coincida coa finalización da vida útil do Patiño, aproximadamente no ano 2030.

Na última visita realizada pola ministra de Defensa, Margarita Robles, a Ferrol, esta trasladara que o Goberno central baralla para xuño deste ano a orde de execución da nova unidade, cuxa materialización se solaparía cos traballos que se realicen nos estaleiros desta cidade coa das fragatas da serie F-110.

Para o financiamento deste novo buque, eses 703 millóns de euros, abarcaría desde o ano 2027 ata o ano 2032, e o programa contará cunha prefinanciación por parte do Ministerio de Industria e Turismo durante o período 2025 a 2029 por un importe total de 380 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade