Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno anuncia unha axuda de 100 euros para menores de 16 anos que precisen lentes

O Goberno anuncia unha axuda de 100 euros para menores de 16 anos que precisen lentes

Sanidade calcula que o programa beneficiará medio millón de nenos e nenas

Poderase acceder a esta prestación con independencia das necesidades visuais de cada menor e da renda das súas familias ou da comunidade autónoma en que vivan

 

(Europa Press/Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas)
G24.gal 26/05/2025 13:34

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou unha axuda de 100 euros anuais para os menores de 16 anos de idade que necesiten lentes ou lentes de contacto, con independencia da situación económica da familia ou do seu lugar de residencia.

O xefe do Executivo indicou este luns durante unha visita ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Ópticos-Optometristas que estas axudas comezarán a materializarse o próximo curso escolar e ascenderán a 48 millóns de euros.

A dotación económica para estas axudas procede dunha liña de financiamento directa do Ministerio de Sanidade, que calcula que beneficiarán medio millón de nenos e nenas.

Poderase acceder a esta prestación con independencia das necesidades visuais de cada menor e da renda das súas familias ou da comunidade autónoma en que vivan.

"Hoxe damos un pasou máis para ampliar as prestacións do noso Sistema Nacional de Saúde e facémolo poñendo en marcha un programa de axudas directas a menores de 16 anos con problemas de visión para que poidan adquirir lentes ou lentes de contacto cara ao próximo curso escolar", dixo Sánchez.

O programa, que se tramitará como real decreto, dotará ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas dunha transferencia directa de 48 millóns de euros, coa que se cubrirá 100 euros da factura do centro óptico ao que acudise o menor para adquirir as súas lentes ou lentes de contacto para corrixir a miopía, a hipermetropía ou o astigmatismo.

Sánchez explicou que 721.000 nenos e nenas necesitan lentes ou lentes de contacto en España, porén, hai familias que teñen problemas para pagalas.

"E iso repercute en problemas nos estudos e, a longo prazo, en dificultades para prosperar. O propio Consello de Colexios de Ópticos-Optometristas apunta outro dato: que o 30 % dos casos de fracaso escolar está relacionado con alteracións da visión. (...) Que un neno poida ver ben a lousa do seu colexio non pode depender do peto da súa familia", salientou.

Sánchez asegurou tamén que o Goberno vai seguir blindando o sistema público de saúde "fronte a quen teña a tentación de malversalo ou de privatizalo".

Pola súa banda, a ministra de Sanidade, Mónica García, fai así realidade o programa de subvencións que anunciara nos primeiros meses á fronte do Ministerio.

"Os dereitos teñen que ser universais, e a saúde visual, tamén", sinalou García, para quen o Plan Veo e as axudas que propón son das medidas máis relevantes do acordo de coalición entre o PSOE e Sumar.

Afirmou que esta iniciativa ten vocación de permanencia e, do mesmo xeito que o presidente do Goberno, fixo fincapé en poñer en valor a sanidade pública.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade