Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os novos hábitos de ocio e as esixencias laborais poñen en risco a saúde visual

Os novos hábitos de ocio e as esixencias laborais poñen en risco a saúde visual

A Organización Mundial da Saúde estima que en 2050 a metade da poboación terá miopía

A prevención en idades temperás é fundamental para evitar que se desenvolvan patoloxías visuais

G24.gal 25/10/2025 14:28 Última actualización 25/10/2025 15:08

O Colexio de Ópticos organiza esta fin de semana unhas xornadas profesionais con máis de 200 participantes que comparten as súas experiencias clínicas en campos como a rehabilitación visual de pacientes con baixa visión. 

A visión humana está deseñada para ver de lonxe, pero os novos hábitos de ocio e as novas prácticas laborais fan que aumente moito a esixencia de visión de cerca.

Esta demanda é maior que a propia evolución do sistema visual e ten consecuencias desde idades temperás. A miopía xa foi declarada como pandemia pola Organización Mundial da Saúde. 

"Temos que intervir porque se a miopía pasa dunha certa cantidade de dioptrías no futuro pode darche problemas patolóxicos asociados. Nós como profesionais sanitarios temos que conseguir que iso non pase, e que esa miopía sexa o máis baixa posible tanto con prevención, que é algo que aínda non se fai, como despois, tratar de que sexa o máis baixa posible", asegura Esther Amaro, presidenta do Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia.

Insisten en que é fundamental para poder intervir e ter bos resultados.

"Non podemos esquecer que o 30% do fracaso escolar está relacionado con problemas de visión. E non sempre son problemas de miopía ou hipermetropía, pode ser que eses ollos non están funcionando á vez, non están ben coordinados, teñen un problema de converxencia ou diverxencia ou acomodación", explica Amaro.

O aumento da esperanza de vida fai que medren tamén os pacientes que desenvolven baixa visión, para eles, os sistemas tecnolóxicos e a intelixencia artificial melloran significativamente a súa calidade de vida.

"Existen dispositivos como poden ser cámaras que van incorporadas nas patas dos lentes para axudarlles ás persoas a recoñecer rostros, identificar produtos ou cores e aplicacións de telefonía móbil que lles permiten mellorar moitas situacións do día a día", di Adrián Pérez, optometrista especializado en baixa visión.

Aseguran que a lei de saúde visual rexistrada no Congreso incluiría o seu labor desde a atención primaria e permitiría mellorar a saúde visual de toda a sociedade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade