O Goberno adxudica máis de 30 millóns para tres proxectos de hidróxeno verde en Galicia
As achegas son á conta do plan de recuperación
O Goberno central adxudica máis de 30 millóns para tres proxectos de hidróxeno verde en Galicia. Un é o impulsado por Reganosa e EDP nas Pontes, que recibirá 24 millóns.
Para a planta de hidróxeno verde en Caldas que promoven Iberdrola e Foresa irán máis de cinco millóns, e case dous millóns e medio serán para o proxecto do porto de Vigo.
Para o delegado do Goberno, as achegas reiteran o compromiso do executivo de Pedro Sánchez coa transición enerxética e coa nosa comunidade autónoma.
"O plan de recuperación é unha realidade para as empresas, para as industrias galegas. O Goberno central xa destinou á nosa comunidade autónoma 2.000 millóns, dos que o 60 % está destinado á cogobernanza, polo que son transferidos para que os xestione directamente a Xunta. Oportunidades que chegan a Galicia e que sabemos aproveitar", asegura José Miñones, delegado do Goberno en Galicia.