O Goberno abre a porta a recorrer ante a xustiza europea contra o veto á pesca de fondo
O Goberno abre a porta a recorrer ante a xustiza europea contra o veto á pesca de fondo
A secretaria xeral de Pesca asegura que se están facendo os informes xurídicos preceptivos para ver a viabilidade da demanda
A última esperanza que lle queda ao sector pesqueiro é que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea paralice o regulamento da Comisión que prohibe a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico.
Os armadores están dispostos a interpoñer demandas ante o órgano xudidicial comunitario, pero din que non será suficiente sen o recurso do Estado.
Desde o Goberno confirman que o están estudando.
"Estamos analizando xuridicamente a posibilidade de presentar ese recurso. Para ir sobre seguro hai que facer previamente esa análise xurídica para recorrer cunha base xurídica sólida para poder darlle a volta á decisión", di Alicia Villauriz, secretaria xeral de Pesca do Ministerio.
O sector confía en que coa presión de todos os países afectados se modifique o regulamento.
"Se os catro estados xuntos, España, Francia, Irlanda e Portugal, recorresen a medida moi probablemente se poida conseguir unha paralización cautelar da medida", asegura Iván López, presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo.
Pero o dano, din, xa está feito. Vai ser difícil conseguilo antes do nove de outubro.
"Entra en vigor o 9 de outubro, e os barcos van ter que desprazarse a outros caladoiros, seguramente onde están pescando os arrastreiros, e son artes incompatibles. Pode suceder que as frotas se enfronten entre elas polo mesmo espazo", explica Hugo González, xerente adxunto de ARVI.
Por iso, din, queimarán ata o último cartucho para paralizar unha medida que consideran devastadora para a frota galega.