Publicador de contidos

Publicador de contidos

O galego Iván Gutiérrez acadou a medalla de ouro en ximnasia rítmica

O galego Iván Gutiérrez acadou a medalla de ouro en ximnasia rítmica

Foi na categoría de cadete no Campionato de España en Guadalaxara

Está a piques de cumprir quince anos e xa conta con cinco medallas, entre a ximnasia acrobática e a rítmica

G24.gal 17/05/2025 21:13 Última actualización 17/05/2025 21:31

Iván Gutiérrez, veciño do Milladoiro, en Ames, acudía este sábado como espectador ao Torneo de Ximnasia Rítmica en Negreira. Está a piques de cumprir quince anos e xa conta con cinco medallas, algunha en ximnasia acrobática.

A medalla de ouro en ximnasia rítmica na categoría de cadete conseguíaa este ano no Campionato de España en Guadalaxara.

"Deixei a acrobática e coa rítmica en Guadalaxara viñemos bastante orgullosos, eu e a miña adestradora, quedei primeiro. Moito orgullo a verdade", di Iván.

Os exercicios co aro, a pelota ou as mazas, son os que máis lle gusta desde pequeno.

Segundo a súa adestradora, do Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, desde moi pequeno xa se lle intuía o talento. Pero as aptitudes precisan de traballo. Iván adestra moitas horas á semana e o esforzo nun deporte que lle apaixona estalle a traer importantes recompensas.

"Este ano o obxectivo era a medalla nacional e chegar á medalla de ouro, para iso precisabamos máis horas de adestramento. Iván é un mozo con moita ilusión e tiña un obxectivo claro e ten a disciplina de estar horas e horas no pavillón", di María Cañabate, adestradora de Iván e do Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela.

E entre os retos de futuro, non o dubidan...

"No vindeiro campionato de España vou por outra medalla, se é de ouro mellor. A rítmica achégame moitas cousas: valores, disciplina, constancia", engade Iván.

"Estamos na semana da rítmica masculina e queremos reivindicar ao Comité Olímpico de que xa é hora de que estes mozos, que temos moi boa canteira en España, que estean aí representando", destaca a adestradora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade