O Galaico Expreso percorre a Ribeira Sacra nunha viaxe doutro tempo
As viaxes, operadas pola empresa asturiana Alsa en colaboración con Trens Turísticos e o Museo do Ferrocarril de Galicia en Monforte de Lemos, manteranse as fins de semana ata o 13 de setembro
A partir de outubro as saídas desde a estación de tren de Ourense cara a Monforte serán só sábados con catro frecuencias
O convoi vai percorrendo pola beira do Miño e o Sil, Barra de Miño, Os Peares, Santo Estevo do Sil ata a Monforte e permite gozar da paisaxe, das ladeiras e dos viñedos
Subimos ao Galaico Expreso, un convoi histórico e turístico que nos leva a descubrir a Ribeira Sacra nunha viaxe doutro tempo. A saída do Galaico Expreso é desde a estación de Ourense. Permite viaxar pola Ribeira Sacra e, ao mesmo tempo, viaxar no tempo pola beira do Miño.
"É un tren dos anos 80 que está restaurado intentando conservar toda a ornamentación orixinal. Tamén podemos ver as vistas do río e ver algúns dos viñedos que hai pola zona. É viaxar ao pasado", explica Juan Francisco Lebredo, o interventor do Expreso Galaico de Alsa.
É a proposta deste tren turístico de época que recupera a experiencia dos antigos traxectos ferroviarios. Para algúns é unha viaxe chea de recordos.
"Eu acórdome dos de madeira, que eu ía a Bilbao a estudar alá polos anos 60. É moi bonito, a min o Miño sempre me dá un pouco de emoción entón isto é unha marabilla", asegura un viaxeiro.
"Vense cousas que non se ven no coche ou mesmo andando", apunta outra viaxeira.
Ademais, poden gozar da paisaxe desde as grandes ventás do tren, que se poden abrir, coma antes.
"É unha reliquia pero funciona como o primeiro día", di o maquinista.
É a mítica locomotora 269 dos anos 80. E tamén os billetes son doutro tempo.
O destino é Monforte de Lemos. Pero a viaxe é parte da experiencia; a primeira para moitos pequenos amantes dos trens.
"A min faime moita ilusión porque o meu pai era ferroviario" di unha pasaxeira acompañada do seu fillo Xoán, que leva posta con moito orgullo a gorra do seu avó.
"Regalámoslles tamén a todos os viaxeiros os billetes que se usaban antigamente. E temos esta máquina datadora, (agora de museo) que permite troquelar a data do día que se viaxa, e poden facelo os propios viaxeitos", explica Juan Francisco, o interventor.
Así a data desta viaxe única queda marcada para sempre nos seus billetes para as lembrazas.
250 pasaxeiros diarios gozan desta experiencia, desde que comezaron por primeira vez no mes de xullo. As viaxes turísticas do Expreso Galaico mantéñense con catro frecuencias as fins de semana ata o 13 de setembro e seguen en outubro, pero só os sábados. As reservas poden facerse na páxina dos Trens Turísticos.