O Gaiás recolle as paisaxes do Camiño Portugués a través da fotografía
O Gaiás recolle as paisaxes do Camiño Portugués a través da fotografía
No museo expóñense 120 fotografías de 40 fotógrafos
'O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra' é o título da exposición que mañá abre as súas portas na Cidade da Cultura. A mostra invítanos a camiñar dende O Porto ata Santiago facendo pausa en 120 fotografías que abranguen o último século e medio deste sendeiro que une Galicia e Portugal.
150 anos de fotografía. Máis de 40 fotógrafos. Non máis de 300 quilómetros de percorrido. Está o inicio, nesa cidade que hai detrás do nome de Portugal, O Porto. A ponte segue nacendo en 1883.
Está a fronteira. O Miño. Esa fronteira que non separa. Contemplámola a ombros da catedral de Tui dende os anos 30.
E está, por suposto, o final da viaxe, a meta. 'O sorriso do Camiño'. Entre un punto e outro, 120 fotografías en que compartimos a mirada cara dentro dos peregrinos e a mirada cara a fóra polo Camiño que a Vía Láctea trazou no ceo.
E compartimos tamén mirada derredor, coas tradicións e as expresións que pasan por tres séculos deste sendeiro. De Viana do Castelo a Braga, do pasado de Santa Tegra e do peirao da Guarda ata o seu presente.
Atracar os ollos no Berbés de hai 100 anos, visitar casas de pescadores, atopar o ano 2014 con 'Carmen, a luz de Sálvora'.
Saltar a 1925. Se o Camiño pode limpar a alma, as mulleres podían lavar a roupa no río daquela aos pés do templo.
Galicia e Portugal, Portugal e Galicia, unha irmandade tecida tamén no Camiño. Levantar o voo en Viana e ver estoupar a experiencia na praza do Obradoiro.