O Fórum Gastronómico da Coruña reúne os mellores cociñeiros e as novidades no sector
160 expositores presentan as últimas novidades no sector da alimentación e hostaleria
Segunda xornada do Fórum Gastronómico da Coruña, unha das feiras máis importantes do sector, en que os profesionais poden coñecer as últimas tendencias en todos os eidos: desde maquinaria a produtos ou xestión de negocio. Ademais dos 160 expositores, hai un amplo programa de actividades e talleres de formación con recoñecidas figuras internacionais da cociña.
Tres anos despois o Fórum Gastronómico da Coruña volve ser o maior evento profesional do sector no norte de España. 160 expositores presentan as últimas tendencias en todos os ámbitos: maquinaria, técnicas e produtos de todo tipo, incidindo moito na sostenibilidade e proximidade. Descubrimos por exemplo a importancia do leite para un bo café como nos conta o barista Oscar de Toro.
A feira é ademais un gran foro de formación a través de relatorios e talleres con prestixiosas figuras de renome internacional. Sergio Gil afondou esta mañá no novo concepto de restaurantes sostibles que se está impoñendo no sector, baseado en tres eixes: produto, procesos e persoal.
Un dos relatorios estrela esta tarde será o de Josep Roca, copropietario do restaurante El Celler de Can Roca, e recentemente galardoado como o Mellor Sommelier do Mundo. Falounos das sensacións que lle transmiten os viños galegos.
Os alumnos de distintas escolas de hostalería foron convidados ao foro hoxe, entres eles os da Aula de Hostaleria da Escola de Especialidades da Armada de Ferrol. Os concursos de tirar cervexa ou a batalla de sommeliers son outros dos grandes atractivos desta feira.