O Fortuna rescata un empate no engadido co Europa (1-1) e encarreira a eliminatoria para Balaídos
O cadro catalán adiantouse cun gol de Jordi Cano no 43'
O filial buscou a igualada durante todo o segundo tempo, e chegou no 97' cun golazo de Antañón
Os de Fredi teñen vantaxe en caso de empate na volta en Balaídos
Foto: @CanteiraCeleste
O Celta Fortuna rescatou un empate no partido de ida da semifinal polo ascenso á Segunda División. Fïxoo en Can Dragó, un campo complicado onde o Europa se fai forte nas súas reducidas dimensións. A igualada chegou nun gran remate de Antañón, no minuto 97, cando xa baixara moito o ritmo do encontro por culpa das interrupcións e das revisións de xogadas.
O Europa, equipo que acaba de ascender á Primeira RFEF e acadou unha histórica clasificación como 5º do Grupo 2, utilizou as súas armas á perfección. Estas pasan polas accións de saque de banda, de córner, e nos envíos ao seu home gol, Jordi Cano. Na primeira metade tiveron un par de ocasións nas botas de Adnane e Gallastegi, cun córner que se estrelou no pau.
O Celta Fortuna foille collendo o pulso ao partido pero, cando mellor estaba na primeira metade, chegou a pausa de hidratación, e baixou o ritmo do partido. E aí chegou a primeira clara de Jordi Cano, que non perdoou para facer o seu vixésimo terceiro gol da temporada. Foi asistido con mestría por Adnane.
A volta de pausa, o Fortuna non conseguiu devolverlle o ritmo ao partido, pero gozou de varias ocasións nas botas de Burcio, Hugo González e Óscar Marcos.
O partido entrou no tempo engadido, e un par de revisións leváronse case a totalidade dos sete minutos decretados. Xusto despois, chegou unha acción illada que significou o empate. Pelexouna Somuah, despexouna Juan Flere, e marcou Antañón cunha vaselina con ata cinco rivais tapándolle a portería. Un tanto do empate que mantén a vantaxe do filial na eliminatoria de cara ao partido de volta, o domingo vindeiro en Balaídos e en directo na G2.