Un evento futurista reúne na Coruña expertos en realidade virtual das principais multinacionais tecnolóxicas
Un evento futurista reúne na Coruña expertos en realidade virtual das principais multinacionais tecnolóxicas
Líderes mundiais en tecnoloxía e innovación debaten sobre as oportunidades e riscos do metaverso
Participan corporacións como Google, Microsoft, Samsung ou IBM
O foro Ecosystems 2030 será aberto ao públicomañá pola tarde, só é preciso rexistrarse na súa web para asistir
A Coruña é sede, hoxe e mañá, dun evento sobre tecnoloxía e innovación que está considerado como un dos máis importantes do mundo. Os primeiros espadas dixitais das principais empresas tecnolóxicas reflexionan e debaten sobre os cambios que nos agardan en moi curto prazo.
Son cambios que van supoñer toda unha revolución. Se hai trinta ou corenta anos era inimaxinable a onde nos podería levar a Internet, agora, en cuestión de dez anos e co desenvolvemento tecnolóxico actual, poderemos movernos en universos virtuais onde nos relacionaremos a través de avatares.
É o que nos contan os expertos que participan hoxe no foro Ecosystems 2030, na Coruña. Entre eles, Adipat Virdi, que foi responsable de realidade virtual en Meta-Facebook e é un dos principais expertos internacionais en experiencias inmersivas. Tamén, a vicecepresidenta executiva de Volvo que nunha conferencia en holograma falou dos automóbiles do futuro.
O presidente executivo de Ecosystems 2030 fala dunha visión futurista e sitúanos nas sensacións que teremos no metaverso.
"Vas sentir que estás en persoa, vas ter realidade virtual, intelixencia artificial, mesmo sensores que podes notar cando lle dás a man a alguén ou olores sintéticos cando estás vendo unha comida. Vaise sentir un coma se fose unha vida real", explicou Omar Hatamleh.
O propósito deste evento é que estes altos executivos e líderes de opinión intercambien impresións sobre este cambio tan disruptivo. A súa visión non é distópica e mesmo resulta alentadora.
"A tecnoloxía vai producir valores incribles, vantaxes inimaxinables. Pero tamén sempre vén con desvantaxes. A cuestión é como podemos reducir as desvantaxes e capitalizar todo isto porque son cambios na vida dos seres humanos coma nunca antes se viron na Historia", di Omar Hatamleh.
Difícil predicir, pola velocidade vertixinosa dos cambios, pero a revolución será total no ensino e na medicina. Dinnos que o 60 % dos traballos de dentro de dez anos aínda nin existen. Imaxinen.
Participan as empresas máis importantes relacionadas coa innovación e a tecnoloxía
No foro Ecosystems 2030 participan corporacións como Google, Microsoft, Samsung ou IBM para mostrar como os sectores económicos deben unirse en forma de ecosistemas para adaptarse e anticiparse ao futuro.
Rafael Sánchez, director financeiro de Trisón, unha empresa galega de Sada líder en integración audiovisual que leva dando solucións máis de 20 anos, "vinte anos instalados no futuro" que é do que trata o foro, salienta na entrevista concedida a Televisión e Galicia
Como explica o director financeiro, Trisón pon a Galicia no mapa da innovación e tecnoloxía, dixitalizando espazos en calquera parte do mundo. Entre outras solucións integran aos clientes na era dixital a través de experiencias audiovisuais e de márqueting olfactivo.
Destaca Rafael Sánchez que un evento como este, que se celebra en Galicia, para a súa empresa é moi importante, porque aquí do que se vén falar é "do futuro e é unha grandísima oportunidade para nós".
Para imaxinar do nivel do foro e da súa importancia di que sería como "o Davos da tecnoloxía. A única diferencia é que Davos é un foro económico que leva moitos anos e este de momento é o segundo ano e é un foro de innovación e tecnoloxía. O ano pasado Ecosystenses fíxose como proba en Granada e este ano temos a oportunidade de facelo aquí na Coruña"
O foro celébrase hoxe e mañá, e pola tarde xa será unha sesión aberta ao público, basta con rexistrarse na páxina de Ecosistems