"Acompáñame a buscar un botón" na mercería La Crisálida
O almacén de La Crisálida agocha botóns, fíos e historias que se viralizan por nostalxia
Unha mostra de como universalizar un negocio de barrio coa axuda das redes sociais
A mercería La Crisálida na Coruña continúa coa súa expansión. O antigo almacén cheo de botóns, fíos, agullas e medias é hoxe un dos negocios máis virais nas redes sociais, e a mercería con máis seguidores no mundo. O seu propietario espertou nun millón e medio de usuarios a curiosidade de ver que se agocha nas caixas que levan décadas sen abrir.
A rutina diaria dun traballador de mercería que busca e atopa entre milleiros de caixas ese botón tan particular que lle acae a unha peza, espertou a nostalxia de millóns de seguidores en Internet. Ramón descubriu algunhas das xoias que había no almacén de La Crisálida cando colleu o negocio e decidiu compartir cada día nas redes a experiencia de atopar esas reliquias.
"Esta é unha mercería moi singular que abriu no ano 1942 no centro da Coruña, dunha migrada do campo, que veu desde a costa lucense cos seus nove fillos para A Coruña", conta Ramón Santos, o propietario de La Crisálida
Foron os fillos de Josefa os que levaron La Crisálida ata que tiveron que pechala por facérense maiores. Daquela, unha alumna de Ramón púxoo en contacto con eles e aí renaceu a mercería.
"Vin ver o que había, para ver se me podía interesar algún lote, algo que puidese utilizar nas miñas clases, e por pura nostalxia non puiden deixar que caera no esquecemento", recorda Santos.
Trasladou as súas clases para La Crisálida, e a mercería comezou a funcionar de novo, pero despois da pandemia había que reinventarse outra vez e darlles saída aos 150.000 botóns que almacenaba.
"A necesidade de crecer nas redes sociais nace nese momento, cando eu teño unha páxina web e vexo que non podo competir cos xigantes, coas grandes plataformas. En poucas horas xa tiña un millón de visualizacións, en menos de 24 horas xa eran dous millóns. Ao subir en seguidores subían as vendas da web e era todo tan rápido que é difícil ata de contar. Isto é aplicar I+D a un negocio de barrio. A maior parte dos comentarios que había dicían "que tesouros tes aí agochados", di o propietario da mercería La Crisálida
E toda esta historia está agora recollida nun libro.
"Na rutina diaria da mercería incluír na miña vida escribir todos os días, porque se non perdía o fío, foi complicado, non foi nada sinxelo", asegura Santos.
Pero non hai fío nin punto perdido na Crisálida, que continúa coa súa metamorfose.