As mulleres galegas da enxeñaría poñen en valor a súa profesión
Aumenta a presenza das mulleres no eido das enxeñarías, pero elas mesmas advirten que queda camiño por percorrer
Botan en falla educación para a conciliación e aumentar a porcentaxe feminina nas facultades máis técnicas
No camiño da igualdade normalízase a presenza da muller nos ámbitos máis técnicos, e foi precisamente a muller enxeñeira o tema de debate na xornada que se celebrou hoxe na Universidade da Coruña. Alí todas estiveron de acordo: cómpre visibilizar a profesión e poñer en valor as mulleres máis relevantes no seu eido, o da enxeñaría.
"Nas reunións e nos congresos técnicos entre construtoras, enxeñarías e Universidades cada vez vexo máis presenza de mulleres"
Fátima Otero Vieitez é unha voz reputada para falar dende o ámbito laboral, como directora xeral técnica de Grupo Puentes. Para ela a educación para a conciliación é imprescindible no avance.
Día da Muller Enxeñeira
O Día Internacional da Muller na Enxeñería celebrouse con esta xornada de encontro entre o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CIITEC), na Universidade da Coruña
"Só un terzo das matrículas na Enxeñaría de Camiños son mulleres e pensamos que iso debe reverterse"
A presenza das mulleres nas facultades técnicas tamén debe mellorar, salienta Belén González Fonteboa é catedrática da UDC e investigadora do CITEEC.
"TikTokers" descubrindo as enxeñarías
Precisamente para intentar espertar o interese dos máis novos, nesta xornada tamén convidaron creadores de contidos. "Porque se colga en TikTok e poden difundilo entre rapaces que agora teñen que escoller carreira", explica Lorena Solana Barjacoba, vicedecana da Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.