Galicia é a quinta comunidade con máis casos activos de violencia machista
Interior ten detectadas en toda España 105.509 vítimas no sistema de seguimento integral VioGén, 6.231 en Galicia
Hai 54.382 casos de vítimas con menores ao cargo e 1.413 están en risco de ser agredidos polo maltratador da súa nai

O Ministerio do Interior ten detectados en Galicia 6.231 casos activos de vítimas de violencia de xénero. Segundo datos estatísticos do departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska, en toda España hai 105.509.
Rexistradas no sistema de seguimento integral VioGén a 31 de agosto deste ano, 19 están en risco extremo, 1.157 en alto, 14.818 en medio e 89.515 en baixo.
En canto ás idades das vítimas, 1.384 mulleres son menores de 18 anos; 26.395 teñen entre 18 e 30; 48.982, de 31 a 45; 26.260, de 46 a 64; e 2.488, de 65 ou máis.
Os datos de Interior tamén revelan que hai 54.382 casos de vítimas de violencia de xénero con menores ao cargo e 1.413 están en risco de ser agredidos polo maltratador da súa nai, dous en risco extremo, 132 en alto e 1.279 en medio.
Igualmente, a estatística reflicte que hai 11.982 casos de mulleres con menores ao cargo de "especial relevancia", con 18 deles en risco extremo, 1.072 no alto e 10.892 no medio.
Nestes últimos detéctase "unha especial combinación de indicadores que aumentan de maneira significativa a probabilidade de que o agresor exerza sobre a vítima violencia moi grave ou letal".
Quinta comunidade con máis casos
Por comunidades, o maior número de casos activos de violencia de xénero está en Andalucía (27.215); séguenlle a Comunidade Valenciana (17.987); a Comunidade de Madrid (13.009); Canarias (6.734); Galicia (6.231); Murcia (5.787); Castela-A Mancha (5.677); Castela e León, (5.592).