O festival de Ourense premia na sección oficial o filme "San Simón"
A película de Miguel Ángel Delgado narra a historia da illa convertida en campo de concentración durante o franquismo
O drama croata sobre a homosexualidade Sandbag Dam é o gran triunfador no apartado internacional
O premio á mellor curtametraxe galega é para Xaime Miranda por Hippocampus

O Ourense Film Festival (OUFF) pecha este sábado a súa trixésima edición cunha gala de clausura na que se premia como a mellor película da sección oficial Panorama Galicia o filme San Simón, dirixido por Miguel Ángel Delgado.
A película, que vén de se estrear no Festival de San Sebastián e chegará ás salas comerciais o vindeiro 24 de outubro, narra a historia desta illa da ría de Vigo convertida nun campo de concentración durante o franquismo.
O director fixo tamén unha webserie documental, que se pode ver na plataforma da Galega, sobre o acontecido neste arquipélago convertido en símbolo da "represión franquista, do exterminio e da inxustiza".
A mellor dirección
Ademais, o festival ourensán distingue a Antón Caeiro co premio á mellor dirección por Lola. O galardón ao mellor guión é para Lucía Dapena e Liliana Díaz por O silencio herdado e á mellor interpretación vai para Lucía Veiga polo seu papel en Mi ilustrísimo amigo, de Paula Cons.
Tamén hai dúas mencións especiais: unha para Aser Álvarez, por O meu nome é Camba; e outra para Alejandro Enríquez, por Rapa, xente ao monte.
O premio do público nesta categoría de cinema galego vai parar a cinta Te separas mucho, de Paula Veleiro.

Sandbag Dam triunfa na sección internacional
O drama croata sobre a homosexualidade Sandbag Dam é o gran triunfador da sección oficial internacional deste OUFF, na que o filme dirixido por Cejen Cernic obtén o premio Calpurnia á mellor película e unha mención especial pola interpretación do protagonista Lav Nososel.
Con todo, a mellor dirección, premio Carlos Velo, recae no cineasta arxentino Cristian Tapia Marchiori, por Gatillero; e a mellor interpretación é para o papel de Frank Dillane no filme inglés Urchin.
A película grega Utopolis, que narra as tensións de persoas refuxiadas, leva dúas distincións: un premio especial do xurado e o galardón ao mellor guión.
A autora chilena Nayra Ilic recibe o premio Cima á mellor cineasta por Corpo celeste, mentres que o premio do público vai parar á película italiana Io e il Secco, de Gianluca Santoni.
A mellor curta galega
Na sección oficial de curtametraxes, o premio á mellor obra galega é para Xaime Miranda por Hippocampus; Peter Vulchev leva o galardón internacional por And that's for this Christmas e Boca de asno, de Carlos Calvar, obtén a mención especial nesta categoría.
Con este palmarés conclúe a trixésima edición do Ourense Film Festival, na que tamén houbo tempo para entregar varios premios honoríficos e para actividades paralelas ao redor da creación cinematográfica, a composición de bandas sonoras ou rutas por escenarios de gravacións.