O Fabril merece máis contra o Cacereño, pero suma o primeiro punto (1-1)
Os visitantes adiantáronse cun gol de Tellechea e defenderon a renda
O filial insistiu ata que Rubén López empatou cun golazo
O Fabril sumou o primeiro punto da temporada, cun empate a uns diante do Cacereño, no que o filial mereceu moito máis, especialmente na primeira metade.
O Cacereño entrou mellor no partido, e conseguiu colocarse con vantaxe logo de dúas ocasións claras. A primeira estragouna Osama nun man a man que detivo moi ben abaixo Álex Marqués. Na segunda, non perdoou Tellechea, que recolleu un balón no punto de penalti e converteuno no 0-1.
A partir de aí, o partido converteuse nun monólogo do Fabril, que tivo unha manchea de ocasións para empatar, pero non o conseguiu antes do descanso. Álvaro Fraga gozou de ata tres remates claros. Os dous primeiros sacoullos Nieves, e o terceiro peiteouno fóra. Tamén se pediron dous penaltis. O primeiro sinalouno o árbitro, pero quedou anulado por fóra de xogo na acción. O segundo, sobre Martín Ochoa nunha acción que rematou cun envío de Kevin ao pau, non o apreciou Francisco Crespo na revisión.
Na segunda parte, o Fabril conseguiu por fin plasmar o seu dominio no marcador. Foi aos cinco minutos, cando Rubén López conectou un lanzamento por toda a escadra para establecer o empate.
Caeu un chisco o ritmo cos trocos, especialmente do Fabril, e a segunda metade tivo menos ocasións. Pediu o Cacereño un penalti de Quique Teijo sobre José González que non foi sinalado e, xa no minuto 90, Runy estivo a piques de rachar o empate. Evitouno Álex Marqués cun paradón. Ao final, reparto de puntos en Riazor.