Soldados estadounidenses chegan a Israel para supervisar o acordo de alto ao fogo
Son 200 militares especializados en transporte, planificación, loxística, seguridade e enxeñería
Sánchez asiste este luns en Exipto á sinatura da fin da guerra en Gaza
Chegan a Madrid catro dos oito españois que ían na última frota de axuda a Gaza
Segundo adiantou a cadea estadounidense ABC News, 200 soldados estadounidenses comezaron a chegar a territorio israelí desde EE.UU. e desde outros países de Oriente Medio para establecer un "centro de coordinación" que supervisará a implementación do cesamento do fogo en Gaza.
Os dous oficiais estadounidenses consultados pola cadea aseguran que ningún soldado estadounidense entrará na Franxa de Gaza. Ata Israel trasladouse tamén o almirante Brad Cooper, encargado no Comando Central de EE.UU. de supervisar as súas tropas en Oriente Medio, que chegou ao país o venres.
O "centro de coordinación" que o soldados estadounidenses van establecer en Israel é un "primeiro paso" na execución do acordo alcanzado entre o país hebreo e Hamás, que implicará unha "extensiva coordinación humanitaria, loxística e de asistencia en seguridade", explicaron os oficiais a ABC.
Por iso, os soldados estadounidenses trasladados á zona están especializados en transporte, planificación, loxística, seguridade e enxeñería, e traballarán xunto a representantes doutros países, o sector privado e organizacións non gobernamentais
Entrada en vigor do acordo
O acordo de cesamento do fogo e inicio da primeira fase do plan do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, para a Franxa de Gaza entrou en vigor este venres ao mediodía local, tras o repregamento das tropas israelís das urbes gazatís, segundo o acordado.
"O acordo de cesamento do fogo entrou en vigor ás 12:00 horas (11:00 hora de Galicia)", confirmou o Exército, dando inicio ás 72 horas en que debería producirse a liberación dos 48 reféns israelís que continúan en Gaza.
Tras o repregamento das tropas á coñecida como "liña amarela" dentro da Franxa -pola cor do mapa que ofreceu a Casa Branca ao anunciar o acordo-, EFE puido comprobar como decenas de gazatís comezaron a desprazarse ao norte, cara á cidade de Gaza, pola vía costeira de Al Rashid.
Os soldados abandonaron tamén o posto de control militar localizado no Corredor de Netzarim, ao sur da capital. Neste primeiro repregamento, Israel permanece sobre un 53 % do territorio gazatí, aínda que antes do cesamento do fogo dominaban máis do 80 %.
O portavoz castrense en árabe, Avichay Adraee, confirmou nun comunicado que a circulación do sur ao norte de Gaza está permitida tanto por Rashid como a estrada de Salah ao Din, pero advertiu que o norte do enclave -Beit Hanoun, Beit Lahia e Shujaiya- seguen sendo perigosas debido á "concentración de tropas"; así como a entrada ao mar Mediterráneo.
"Tamén se advirte aos residentes que, na zona sur da Franxa, é extremadamente perigoso achegarse á zona do cruzamento de Rafah, a zona do Corredor de Filadelfia e calquera concentración de tropas na rexión de Jan Yunis", engadiu sobre as áreas de onde as forzas israelís non se retiraron.
Netanyahu: Hamas será desarmado e Gaza desmilitarizada "polas boas ou polas malas"
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, dixo este venres nunha videomensaxe que as seguintes fases do plan do cesamento do fogo tras a entrega de reféns inclúen que Hamas entregue as súas armas e que a Franxa de Gaza sexa desmilitarizada, mesmo mediante o uso da forza.
"Estamos a acurralar a Hamas por todos os lados en preparación para as seguintes etapas do plan, en que Hamas será desarmado e Gaza será desmilitarizada. Se isto se logra polas boas, que así sexa. Se non, lograrase polas malas", advertiu o mandatario.
Netanyahu loou tamén as decisións que foi tomando ao longo da ofensiva bélica -que en dous anos arrasou a Franxa e causou máis de 67.000 palestinos mortos-, como a invasión de Rafah -considerada unha "liña vermella" polo expresidente Joe Biden-, ou a toma da divisoria gazatí con Exipto.
"Pero tamén lles digo, por poñelo suavemente, que non foi fácil. Tiven que enfrontar enormes presións, tanto internas como externas: presión para non entrar en Rafah, presión para non tomar o eixe de Filadelfia, presión para non operar noutros escenarios, presión para deter a guerra e retirarme da Franxa, cando Hamas, Hizbulá, o réxime de Asad e Irán estaban na cúspide do seu poder", engadiu.
O primeiro ministro agradeceu tamén ao seu equipo negociador a finalización do acordo. "Quero agradecer ao presidente Trump o seu liderado global e os seus incansables esforzos para formular este plan para o regreso dos secuestrados. Neste sentido tamén demostrou, unha vez máis, a súa grande amizade co noso pobo e o noso país", concluíu.
A ONU desvela un plan de 60 días para levar axuda humanitaria a Gaza
O subsecretario xeral da ONU para Asuntos Humanitarios, Tom Fletcher, presentou un plan para proporcionar axuda a Gaza durante os primeiros 60 días de cesamento do fogo, despois de máis de sete meses de bloqueo case total por parte de Israel á entrada destes bens básicos.
"O noso plan, detallado e probado, está listo", afirmou, subliñando que hai xa preparadas 170.000 toneladas de alimentos, medicinas e outros produtos para poder entrar na Franxa.
Fletcher indicou que a ONU e os seus socios queren aumentar o fluxo de subministracións ata alcanzar "centos de camións diarios" e ampliar a distribución de alimentos para chegar aos máis de dous millóns de gazatís, incluídos uns 500.000 que necesitan apoio nutricional.
Segundo detallou nun comunicado a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios que dirixe, os traballadores humanitarios tamén colaborarían na recuperación do sistema sanitario devastado e a subministración de medicinas e servizos médicos.
Fletcher detallou que se dará prioridade a uns 1,4 millóns de persoas para recuperar os servizos de auga e saneamento, e ampliarase de forma masiva a provisión de refuxios para axudar ás familias para prepararse para o inverno.
Tamén se reabrirán espazos de aprendizaxe temporal para apoiar a educación de 700.000 nenos en idade escolar.
Fletcher recalcou que sería necesario que entrasen en Gaza gas de cociña e polo menos 1,9 millóns de litros de combustible cada semana, subministracións que deberían chegar á Franxa por varios corredores, con máis pasos fronteirizos operativos e garantías de seguridade.
"Debemos actuar, en nome das decenas de miles de palestinos e israelís que perderon a vida nos dous últimos anos e polos centos dos nosos colegas humanitarios que morreron tentando salvar vidas", concluíu.
Helicóptero israelí na base militar de Reim. REUTERS/Hannah McKay
Noite "tranquila"
A noite deste sábado foi a primeira "tranquila" na Franxa de Gaza tras meses de incesantes bombardeos cando se cumpre un día do agardado cesamento do fogo no territorio palestino.
A poboación céntrase agora en regresar ao que queda das súas casas e en recuperar aos seres queridos mortos.
"Onte á noite foi unha noite tranquila, a primeira noite sen bombardeos desde o comezo da guerra fóra dos días de calma de novembro de 2023 e xaneiro de 2025", dixo a EFE Mohammad, un médico gazatí, desde a cidade de Gaza.
Este médico só lembra ese silencio nas dúas treguas anteriores, que tamén deron un respiro. Ao seu hospital, di, xa non están a chegar as decenas de mortos que ingresaban antes cada día, senón os corpos recuperados entre os entullos.
Segundo os cálculos do Ministerio de Sanidade do enclave, polo menos 7.000 persoas continúan baixo os cascallos e faleceron máis de 67.000 por lume israelí en dous anos de ofensiva.
"Por primeira vez en moito tempo, conseguimos durmir sen medo nin preocupacións", explicou Zaher, outro gazatí que tivo que abandonar a capital hai unhas semanas coa súa familia para desprazarse ata Deir Al Balah, no centro, e refuxiarse nunha tenda de campaña.
Volver camiñar "polas rúas en paz"
Zaher busca un sitio onde vivir coa súa esposa e catro fillos na cidade de Gaza, onde os prezos da vivenda, di, triplicáronse por mor da pouca oferta, xa que moitos edificios están danados ou completamente arrasados, como a súa casa, destruída ao inicio da guerra.
Desde que entrou en vigor o cesamento do fogo, milleiros de persoas están a volver desde os seus refuxios no sur da Franxa á cidade de Gaza, onde só quedaron ao redor de 250.000 gazatís dos máis dun millón que vivían alí.
Agora, as tropas están detrás da coñecida como "liña amarela" do repregamento e controlan ao redor da metade do territorio do enclave -antes o 80%-, para que as milicias palestinas reúnan os reféns e os liberen nos vindeiros dous días.
Mentres, a poboación celebra poder volver respirar tranquila e, salienta Zaher, volver camiñar "polas rúas en paz".