O exbreoganista Ben McLemore, condenado a oito anos e catro meses de cárcere
Un xulgado de Oregón declarouno culpable de violación e agresión sexual

Ben McLemore, exxogador do Breogán durante o últimos catro meses e medio da tempada 2023-2024, foi condenado a 100 meses de cárcere, é dicir, 8 anos e 4 meses polos cargos de violación en primeiro grao, penetración sexual ilícita en primeiro grao e abuso sexual en segundo grao por feitos cometidos en outubro de 2021 cando era xogador dos Portland Trail Blazers, equipo da NBA, durante unha festa na casa dun compañeiro de equipo.
Así o considerou un xulgado do condado de Clackamas, no estado de Oregón (Estados Unidos), tal e como reportou a NBC . A decisión do período temporal da condena estaba prevista para este mércores 9 de xullo e así foi confirmado ás 9.35 de mañá, hora de Oregón, nove horas menos que en Lugo.
Segundo estes medios, a condena é a pena mínima obrigatoria sen opcións de liberdade condicionada, liberdade vixiada ou redución de pena por boa conduta. McLemore foi condenado por violación en primeiro grao, o cal supón o mínimo obrigatorio no estado de Oregón.
McLemore, nacido en Saint Louis (Missouri), viaxou en abril do 2024 a Oregón para declarar ante a xustiza, foi arrestado á súa chegada e quedou temporalmente libre despois de aboar unha fianza de 50.000 dólares.