Publicador de contidos

Publicador de contidos

O encarecemento dos préstamos hipotecarios, por María Bastida

OPINIÓN

O encarecemento dos préstamos hipotecarios, por María Bastida

G24.gal 31/10/2022 08:03

O Banco Central Europeo (BCE), por terceira vez consecutiva desde o mes de xullo, subiu esta semana os tipos de xuro ata o 2 %. Este movemento afianza unha senda de continuidade na política monetaria restritiva do BCE, que ten como obxectivo último arrefriar a economía retirando diñeiro de circulación como medio para reducir a inflación. Unha derivada deste incremento dos tipos de xuro é a subida do euribor e con ela do custo das hipotecas de tipo variable. A situación ten unha incidencia máis notable se temos en conta que moitas destas hipotecas foron concertadas nos últimos dous anos, cando este tipo era negativo.

Estes movementos teñen un efecto inmediato sobre o peto das familias, que se suma ao que xa vimos notando desde hai semanas. Por unha banda, pagamos máis por endebedarnos: o interese aplicado a préstamos e créditos está á alza, polo que quen queira pedir un crédito ou unha hipoteca verán como os intereses para pagar soben. As empresas vense igualmente afectadas, tanto nas súas posibilidades de financiamento coma no pago dos intereses asociados a este. Como contraposición, quen teña depósitos de aforro ou adquirisen renda fixa, verán como sobe a remuneración destes activos financeiros. En definitiva, o financiamento encarécese mentres pode sacarse un maior partido aos aforros.

A maior incidencia ten que ver co impacto nunhas familias que xa ven a súa economía fortemente danada polo incremento de custos básicos e pola deriva inflacionista que vimos arrastrando desde hai un ano. Xa hai unhas semanas que estes efectos negativos se viron agravados co encarecemento dos préstamos hipotecarios dos máis de 4 millóns de usuarios que teñen concertado este produto a tipo variable. Por exemplo, o euribor en outubro superou o 2,7 % na cotización diaria, o valor máis alto desde xaneiro de 2009. Considerando, como se dixo antes, que moitas destas hipotecas se asinaron en condicións diametralmente opostas, non sería raro que parte dos hipotecados teñan que afrontar problemas de solvencia na actualidade.

Ademais, a iso debería engadirse que o horizonte non permite ser demasiado optimista. Os analistas estiman que o euribor continuará aínda escalando, o que pode implicar un incremento final das cotas hipotecarias próximo ao 30 %. Nestas condicións, os afectados deberían tentar negociar canto antes cos bancos, para tentar chegar a unha solución de compromiso que lles permita minimizar os danos e poder seguir facendo fronte ás súas cotas. En última instancia, á banca interésalle tamén chegar a un acordo, debido a que pola contra aumenta o risco de morosidade.

Outra opción é tentar cambiar a unha hipoteca de tipo fixo, para liberarse das oscilacións do euribor. Con todo, para iso debemos ter presente que as entidades financeiras xa encareceron os seus produtos de interese fixo, ademais de endurecer os criterios para a concesión de hipotecas. Algunhas estimacións apuntan a unha probable contracción do crédito cara a final de ano.

O Goberno está a deslizar tamén a posibilidade de incentivar coa banca os refinanciamentos a longo prazo da débeda. Aínda que a curto prazo poida parecer unha solución, isto supón unha visión claramente curtopracista, cun enfoque máis de parche que de solución. Implicitamente, ademais, subxace a idea de que os tipos volverán descender abruptamente máis cedo que tarde, o que infire un optimismo que a realidade non confirma. E se isto non ocorre, entón estaremos a xerar unha vez máis un buraco a longo prazo.

Por tanto, o máis adecuado parece reflexionar sobre as opcións, posibilidades e realidades de cada un e actuar en consecuencia. A opción da renegociación co banco está aí, como tamén a de esperar a que pase a tormenta e o euribor se estabilice. Evidentemente, o grao de tolerancia ao risco e a capacidade de resistencia que teña cada un marcará estas decisións. Pero estaría ben pensar que, en temas de financiamento, a espera rara vez reporta rendibilidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade