O edificio do Banco Pastor da Coruña cumpre cen anos convertido en icona
O inmoble, obra de Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés, foi o primeiro rañaceos de España
Unha das iconas do urbanismo da cidade da Coruña cumpre cen anos. Falamos do edificio do Banco Pastor, situado en pleno corazón da cidade.
O inmoble foi no seu día símbolo do poder económico emerxente e todo un fito da arquitectura. A súa impoñente fachada segue causando admiración e orgullo coruñés.
Deseñado por Antonio Tenreiro por encarga do conde de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza, o edificio da antiga sede central do Banco Pastor na Coruña marcou unha época.
Cos seus case corenta metros de altura e o seu estilo ecléctico inspirado na arquitectura da Escola de Chicago, foi o primeiro rañaceos de España e durante catro anos o edificio máis alto de todo o país.
O nove de novembro de 1925 abriu as súas portas ao público. A planta baixa reservouse para actividade do banco. Os demais andares destináronse a vivendas. A última reforma conseguiu recuperar todo o esplendor daquel edificio que desafiou as alturas.
O inmoble, que é actualmente sede do Banco Santander, cumpre un século como parte esencial da identidade arquitectónica da Coruña.