O documental de Yáñez sobre Ana Kiro triunfa no festival In-Edit de Barcelona
O xurado do certame destacou a autonomía da cantante para decidir sobre a súa carreira
Tamén salientou a capacidade do filme para contar a historia de Galicia a partir das voces de distintas xeracións
A directora dedicou o galardón á memoria da artista e á comunidade galega en Barcelona
María Yáñez na estrea de KIRO no festival. FOTO: In-Edit/ Xavi Caparros
KIRO, o documental dirixido por María Yáñez arredor da figura da cantante de Arzúa, gañou o premio á mellor longametraxe documental musical nacional na 24ª edición do In-Edit, o festival internacional de cine deste xénero que se celebra en Barcelona.
Ao recoller o galardón, a directora agradeceulles ao xurado e ao festival que apostaran "con entusiasmo por esta película sobre Ana Kiro, un fenómeno de masas en Galicia, pero practicamente descoñecida fóra".
"Este premio dedicámosllo á memoria de Ana Kiro e a toda a comunidade galega en Barcelona".
Lembrou que hai un ano o equipo estaba na Cidade Condal a rodar a primeira parte do filme, que recolle os seus comezos como artista e emigrante en Cataluña e retrata "eses milleiros de galegos e galegas que viñeron traballar aquí nos anos sesenta e setenta", os seus primeiros fans.
"É moi emocionante recoller este premio aquí en Barcelona, ver o nome de Ana Kiro entre os máis grandes da música internacional grazas ao cartel do In-Edit e que o público catalán e de todo o mundo sinta a Ana tamén súa ao ver a película», afirmou.
Na súa valoración, o xurado destacou a autonomía da artista para decidir sobre a súa carreira e a capacidade do filme para contar a historia de Galicia a partir das voces de distintas xeracións.
"O xurado considera moi atinada tanto a elección da personaxe, a cantante galega Ana Kiro, unha muller que desafiou as imposicións familiares e sociais, que decidiu cantar en galego malia a escasa complicidade da industria musical e que foi dona e señora da súa carreira. O premio tamén celebra a forma audiovisual e o punto de vista da directora, que desprega unha aproximación poliédrica sen evitar a complexidade dunha artista fundamental para explicar a cultura popular galega e en galego", explica no seu veredicto.
O palmarés do In-Edit recoñeceu tamén Broken English, de Jane Pollard e Lain Forsyth, como O Mellor Longametraxe Documental Musical Internacional, e concedeu unha mención honorífica a Celtic Utopia, de Lars Lovén e Dennis Harvey.
De Ourense a Madrid
KIRO iniciou o seu percorrido coa estrea mundial no Festival de Cine de Ourense (OUFF), onde obtivo os dous principais recoñecementos da sección Panorama Galicia, a Calpurnia á Mellor Película e o Premio do Público. María Yáñez recibiu ademais unha mención especial á Mellor Dirección.
Tras o seu paso polo In-Edit, o documental poderá verse o 25 de novembro en La Casa Encendida, en Madrid, no marco do festival Márgenes. O filme chegará ás salas de cine o 11 de decembro.
KIRO é unha produción de Miramemira, Zuzú Cinema e Amorambre, co financiamento do ICAA, Europa Creativa MEDIA e a Xunta de Galicia a través de Industrias Culturais, coa participación da Televisión de Galicia e da Deputación de Ourense, e co apoio á distribución da Deputación da Coruña.