A Seminci premia os filmes galegos "Adios Ríos" e "Todo é cárcere"
O director galego Eloy Enciso recibiu o Premio Doc por Todo é cárcere e o ponferradino Sebastián Uría o premio Pilar Miró por Adios Ríos
A gala de clausura foi suspendida en sinal de respecto e solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo
Sebastián Uría recolle o premio Pilar Miró por "Adios ríos"
A 71ª edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid concluíu este sábado nunha xornada marcada polo loito e a sobriedade. A organización do certame decidiu suspender a gala oficial de clausura e a entrega de premios en sinal de respecto e solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Urda. Tamén quedaron anuladas as retransmisións televisivas programadas para o evento e todas as actividades lúdicas do espazo Seminci Noite.
A lectura do palmarés desta edición realizouse nun acto informativo no Teatro Calderón. A Espiga de Ouro á mellor longametraxe foi para a película Dao, do director francosenegalés Alain Gomin e a de Prata para a francesa La Gradiva, de Marine Atlan.
Ao longo desta edición proxectáronse máis de 200 títulos, dos cales 22 competían na Sección Oficial.
Premio Pilar Miró para Adios ríos
A película de Sebastián Uría Adiós, ríos, recibiu o Premio Pilar Miró no que se recoñece a mellor nova dirección española. O filme reflexiona sobre a despoboación do rural. Nos Ancares galegos, onde as aldeas se baleiran e traballar a terra resulta cada vez máis difícil, un ancián desaparece no bosque. Na súa ópera prima, Sebastián Uría parte desa ausencia para entrelazar paisaxe e memoria nun retrato de quen aínda habita esas aldeas, con Amador Arias á fronte.
Premio DOC España para Todo é cárcere
Eloy Enciso, co seu filme Todo é cárcere recibiu o Premio DOC España, un galardón que outorga a Seminci á mellor longametraxe de non ficción de produción española. Enciso percorre os campos de concentración do franquismo desde o presente das paisaxes que os acolleron. Sobre estes lugares resoan as palabras de diferentes persoas que estiveron alí encerradas, mediante un compendio de cartas que se converten en memoria viva das conviccións políticas, as inquedanzas emocionais e as historias de amor dos represaliados republicanos.
Os dous filmes teñen participación da TVG.
En total, eran seis as obras producidas ou con participación de creadores galegos que acudiron a este certame: As illas afortunadas, de Helena Girón e Samuel Delgado competiu na Sección Oficial pola Espiga de Ouro.
Na Sección Punto de Encuentro Ledicia Sola presentou a súa ópera prima na dirección con As augas, e foi a segunda máis votada polo público desta sección. A directora Sandra Sánchez competiu coa súa primeira longametraxe de ficción ambientada na Costa da Morte, A nadadora.
A película Mu-Ki-Ra producida por Chelo Loureiro participou na categoría Miniminci, deseñada para o público infantil e familiar. Estas tres últimas películas tamén teñen participación da TVG.
Estrea nacional de Gael García Bernal
O broche cinematográfico do festival porase exclusivamente coa proxección de Hombre al agua, a terceira longametraxe como director do actor mexicano Gael García Bernal. O cineasta presentará persoalmente o seu proxecto ante o público do Teatro Calderón ás oito da tarde.