A autopsia da muller asasinada na Coruña revela asañamento por parte do seu home
O detido confesou o crime á súa exparella e pasará este martes a disposición xudicial
A vítima estaba no sistema VioGén por unha agresión rexistrada en setembro de 2024 e tiña pendente de aplicación unha orde de afastamento
A muller deixa cinco fillos, todos residentes no Perú
A subdelegada do Goberno condena a "violencia estrutural" que mata as mulleres: "Isto é absolutamente insoportable"
O home detido polo crime machista da Coruña confesou o domingo o crime á súa exparella, coa que ten dous fillos en común. Segundo transcendeu, o arrestado chamouna por teléfono para dicirlle "que acababa de matar a súa parella actual". Esta persoa foi quen avisou a Emerxencias, segundo informou este luns a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
Os primeiros datos da autopsia apuntan a un crime con asañamento. Nunha comparecencia de prensa, Rivas amosou a súa máis enérxica repulsa ante este novo caso de violencia machista e condenou a "violencia estrutural" que "mata as mulleres simplemente polo feito de ser mulleres": "Isto é absolutamente insoportable", indicou.
A vítima estaba no sistema VioGén e o xulgado ditou unha orde de afastamento que aínda non se executara
A subdelegada do Goberno na Coruña desvelou que "a vítima estaba incorporada no sistema VioGén" por unha agresión física rexistrada en setembro de 2024. Aplicóuselle o chamado Protocolo Cero, que é o que se activa para actuar de oficio "cando as vítimas non se deciden a denunciar nun contexto de espiral de violencia de xénero".
Iso derivou nun procedemento xudicial que o pasado 27 de maio condenou o agresor e ordenou o afastamento da vítima, unha orde que aínda non fora executada. Non se acordou a orde de protección -á marxe da condena posterior- debido a que a vítima rexeitou declarar tanto na fase de instrución como no xuízo, aínda que houbo dous policías que presenciaron os feitos.
A sentenza non foi recorrida nin pola Fiscalía nin pola defensa, polo que o pasado 27 de maio, unha vez transcorridos os prazos legais, declarouse a súa firmeza.
Estaba pendente de que o xulgado iniciase a súa execución e, con ela, entrase en vigor a orde de afastamento e comunicación.
Foi precisamente en maio cando o detido, de 61 anos, nacionalidade española e orixe peruana; e a vítima, de 49 anos e peruana, formalizaron a súa relación ao casar.
O suceso produciuse o domingo á primeira hora no barrio coruñés da Sagrada Familia, na rúa Santo Isidoro, e o detido pasará previsiblemente este martes a disposición xudicial.
O detido ten dous fillos co seu anterior parella, mentres que a vítima tiña cinco fillos, todos residentes en Perú.
Crime 1.308 de toda a serie histórica
Segundo datos da Delegación do Goberno, de confirmarse o crime machista, sería o 1.308 na serie histórica, iniciada en 2003, e o 14 deste ano. No que levamos de 2025 dúas mulleres foron asasinadas en Galicia; 74 nos últimos 22 anos.
Na provincia da Coruña, sería o primeiro deste ano e o 26 na serie histórica, pendente do ditame da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.
As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda no teléfono 016, no correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e ma canle do WhatsApp no número 600 000 016.
Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.