Publicador de contidos
Publicador de contidos

O deste Real Madrid de Champions non ten explicación lóxica

O deste Real Madrid de Champions non ten explicación lóxica

Rodrygo apareceu cun dobrete milagreiro cando o seu equipo perdía por 0-1 no 89 e levou o partido á prórroga

Benzema anotou de penalti no tempo suplementario e o Real Madrid xogará a final da Champions contra o Liverpool

G24.gal 04/05/2022 22:19

O deste Real Madrid non ten explicación lóxica. Eliminou a PSG e Chelsea con remontas incribles no Bernabeu. Pero ningunha tivo a dimensión do acadado diante do Manchester City. No minuto 89 estaba eliminado e precisaba dous goles para levar o partido á prórroga. Conseguiuno con dous goles de Rodrygo en pouco máis dun minuto, e no tempo suplementario Benzemá culminou a fazaña (3-1). 

E iso que o partido non apuntaba á tolemia ofensiva do partido de ida. Os dous equipos estiveron moito máis contidos asegurando a súa porta e buscando a gadoupada precisa para facerlle dano ao rival. O primeiro en avisar foi Vinicius e, a seguir, Bernardo Silva fixo intervir a Courtouis. 

O Real Madrid meteu moita intensidade pero tivo poucos achegamentos á porta de Ederson. No City só houbo outro disparo con certo perigo, pero Foden atopou outra boa resposta do xigante Courtois. 

A segunda parte comezou cunha gran ocasión para Vinicius. Non se chegara ao primeiro minuto cando o brasileiro, completamente só, non foi quen de atopar a portería do City. Antes do dez Vinicius volveu a crear perigo, asistiu a Modric que non atopou o intre correcto para executar o remate.

O partido era de picar pedra, pouco virtuosismo e escasas ocasións ata que no minuto 73 o City argallou unha xogada na que Bernardo Silva combinou con Mahrez que escartou un remate coa esquerda na mesma escadra. Un cuarto de hora para o final e o Real Madrid tiña que tirar, unha vez máis de épica.

Puido Benzemá darlle emoción á eliminatoria pero no 82 fallou unha gran ocasión e na seguinte acción Grealish tivo unha dobre oportunidade para sentenciar. Chegabamos ao minuto 90 e o peixe parecía estar vendido. Porén o Real Madrid nunca se redende e Rodrygo embocou na rede unha deixada de Benzemá. Por diante, seis minutos de engadido e só houbo que agardar un para que Rodrygo cabecease á rede un centro de Carvajal e levase a eliminatoria á prórroga noutro final digno desta edición da Champions do Real Madrid. 

O Real Madrid estaba desatado e na primeira xogada de ataque da prórroga Rubén Dias derrubou a Benzemá na área e o francés aproveitou a ocasión para poñer o seu equipo por diante na eliminatoria por primeira vez. 

O City tirouse ao ataque e dispuxo de ocasións como unha de Fernandinho na boca do gol pero non foi quen de marcar o gol que levase a eliminatoria á quenda de penaltis. O Real Madrid está na final. En París xogará diante do Liverpool un dos grandes clásicos do fútbol europeo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade