Publicador de contidos

Publicador de contidos

A pelexa do Monbus Obradoiro non atopa premio final diante do Real Madrid

A pelexa do Monbus Obradoiro non atopa premio final diante do Real Madrid

O equipo santiagués completou un gran partido, chegou a forzar a prórroga (99-99) pero acabou perdendo por 107-114

Gran partido de Childress que acabou con 23 puntos

G24.gal 04/10/2026 14:29 Última actualización 04/10/2026 15:01

O Monbus Obradoiro estivo a piques de dar a sorpresa e derrotar o Real Madrid que gañou por 107-114 nun partido que se decidiu na prórroga logo de chegar ao remate dos corenta minutos con empate a 99. Childress volveu a ser a referencia ofensiva santiaguesa con 23 puntos. 

Comezou o partido co Obradoiro mandando. Chegou a ter no primeiro cuarto cinco puntos de vantaxe (12-7) pero acabou ese primeiro parcial con máxima igualdade (22-22). O Real Madrid deu o primeiro golpe no marcador contra o final do segundo cuarto. Un mate de Procida poñía sete de marxe (33-40) e dúas triplas de Luwawu Cabarrot levaron a diferenza ata os dez puntos (39-49). Ao descanso gañaban os visitantes por 43-54. 

O Obradoiro nunca se rendeu e cun parcial de 10-0 mediado o terceiro cuarto equilibrou o partido (61-61). O Real Madrid respostou cun 0-7 (61-68) pero ao remate do cuarto estaba o partido no aire (69-75). Volveu a irse ata os once puntos o conxunto branco (69-80) dinámica que se mantivo ata que quedaban seis minutos para o final (77-88). 

Apareceu o mellor Obradoiro do partido que cun 2+1 de Soriano culminaba un 11-0 que devolvía a igualdade (88-88) a catro minutos para os corenta. Calquera dos dous equipos puido levar o encontro pero unha canastra de Childress acabou levando o partido á prórroga (99-99). No tempo suplementario custoulle moito anotar aos dous equipos. O Obradoiro tiña unha pequena vantaxe pero o Real Madrid aproveitou os tiros libres para colocarse tres arriba (105-108) a trinta segundos do final e conseguiu rendibilizar esa pequena diferenza para levar os puntos do Sar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade