Os pasaxeiros do tren rexional entre Ourense e Vigo fan o traxecto en autobús polo descarrilamento nas Neves
Os pasaxeiros do tren rexional entre Ourense e Vigo fan o traxecto en autobús polo descarrilamento nas Neves
O pasaxeiros deben realizar en autobús o traxecto entre a estación de Ourense e a de Vigo-Guixar
Catro frecuencias diarias-conexións con Barcelona e Ponferrada en ambos sentidos- vene afectadas polo corte ferroviario
O descarrilamento do tren de mercadorías preto do apeadorio das Neves afecta os distintos convois de mercadorías que usan esta vía como saída cara a meseta, e sobre todo os pasaxeiros que aínda escollen o tren rexional para desprazárense nesta ruta.
Catro frecuencias diarias se ven condicionadas, as que unen a estación de Vigo-Guixar con Barcelona e Ponferrada, en ambos sentidos. Renfe dispuxo de transporte alternativo en autobús para percorrer o traxecto entre Vigo e Ourense, e viceversa.
Xa onte a noite os pasaxeiros procedentes de Barcelona tiveron que coller o bus en Ourense para completar a viaxe ata esta estación de Guixar. Hoxe fixeron o mesmo os que saíron ás 7:40 cara a cidade condal e os que chegaron ás 12:00 no tren Rexional Exprés dende Ourense.
"Eu veño de Valdeorras, e ao coller o tren non me dixeron nada. Pero ao chegar a Ourense xa nos comunicaron que debiamos seguir en autobús. Pero..., miña nai, cinco horas!", láiase unha pasaxeira que colleu o bus en Ourense ás dez da mañá e chegaba a Guixar ás doce e media.
"Co autobús saímos de Ourense e facemos as paradas habituais do tren rexional: Ribadavia, Filgueira, Arbo, Salvaterra, Guillarei, O Porriño, Redondela e Vigo. Pero claro, leva un pouco máis de tempo o traxecto, porque hai estacións en que temos que ir recoller os pasaxeiros a pé, porque non entra o autobús, nin ten onde dar a volta, nin xirar nin nada", comenta Alfonso Domínguez, condutor dun dos autobueses fretados por Renfe para dar o servizo de transporte de viaxeiros entre Ourense e Vigo.
O mesmo autobús colleron os viaxeiros que saíron ás dúas da tarde con destino Ponferrada. Unha situación que se vai prolongar mentres non quede operativo o treito ferroviario afectado polo descarrilamento nas Neves.