Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Deportivo queda ás portas da clasificación para a final nun partido tolo (4-3)

O Deportivo queda ás portas da clasificación para a final nun partido tolo (4-3)

O Castellón fixo valer a súa mellor clasificación na Liga despois da prórroga

Os coruñeses levantaron un 2-0, e mesmo empataron na prórroga cun home menos

A expulsión de Mackay resultou clave

G24.gal 11/06/2023 20:49

O fútbol é un estado de ánimo, dicía Valdano. E ante iso, de pouco valen as indicacións do capitán ou unha afección extraordinaria. O Deportivo saiu sen alma, cheo de dúbidas, e o Castellón castigouno. Xa puido aos oito minutos, pero fallou De Miguel.

Lonxe de servir de aviso para a reacción, a ocasión local acrecentou os medos... e os erros groseiros comezaron a chegar. Como o de Mackay, cando se obstinou con pasarlla a Jaime e acabou por regalar o un a cero. Minuto 23. Gol de De Miguel. Impropio de Mackay. Inconcebible nun encontro destas características.

Oito minutos despois veu outro erro grave. Nun saque do porteiro, Jaime saltou con De Miguel e De Leon sorprendeu. Viña desde a banda, gañoulle a partida a Pablo Martínez e a Mackay e puxo o segundo. O Deportivo estaba KO. Pero aquí, neste momento, é onde volvemos a aquilo do estado de ánimo. E, da nada, Svensson sacou un balón para Villares, Lucas recolleuno e Yeremay puxoo dentro. 2-1. Aí reviviu o Dépor. Momento clave. Aí tamén protestou o Castellón, que pediu falta de Svensson. E cambiou o partido. As dúbidas pasaron ao Castellón. Lucas puido empatar na última xogada antes do descanso. As cousas que ten o fútbol.

O intermedio serviu pra enxugar os medos, e á volta os dous equipos saíron coa mesma consigna: non máis erros. Serios. Durou dez minutos. Porque as defensas seguiron a velas vir. E dese panorama saíu mellor o Dépor, tras un sensacional pase de Bergantiños e o penalti do porteiro Pastor a Lucas. Minuto 57. Penalti claro e amarela. Penalti que converteu... o propio Lucas.

O Castellón acusou o golpe e os galegos semellaron telo no peto, pero a arreada final local volveu amosar a febleza atrás do Deportivo. Coma un flan. Iago Indias pateou con violencia e o seu tiro petou en Isi. Gol do Castellón. Gol de Iago, de Vigo, fillo do ex do Celta, Alejo. No 89.

O partido apuntaba a prórroga, pero na compensación, o colexiado sinalou penalti por agresión e expulsou a Mackay. Unha desfeita. Todo parecía perdido, outro xiro na noria de emocións que foi Castalia. Mais o penalti fallouno Pablo Hernández. E o partido acabou na prórroga. Cun menos o Deportivo.

Entraron Trilli e Zalazar. O Castellón puido marcar, pero Fabricio petou co traveseiro. E o que si o fixo foi o Deportivo. Zalazar. Tras unha deixada de Trilli. Minuto 100. Así tivo que ser. Tirando de épica. Porque así é como é sempre na historia do Deportivo. O meigallo fervía, mais botou por fóra a dez minutos da conclusión. Nun córner e nunha cabezada plácida de Cubillas. 4-3. Outro erro defensivo. Outro máis. E adeus á heroica, á épica e á ilusión de volver ao fútbol profesional. O Dépor tivoo perdido, tivoo na man e volveulle escapar. No úiltimo segundo Jaime volveuna ter, pero chapou Pastor... e non puido evitar este triste final.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos